Os aparcadoiros públicos non poden depender da boa vontade dalgúns veciños e veciñas
Desde o BNG instamos ao goberno do PP a buscar alternativas
As catas que se están a facer no aparcadoiro público da Avenida de América para unha futura urbanización prenden todas as alarmas da necesidade que ten A Estrada de aparcadoiros públicos en superficie que non dependan das cesións puntuais dos veciños e
veciñas.
Todos os aparcadoiros públicos que están a utilizar os veciños e veciñas están en terreos privados, e como no caso citado, pende a ameaza de ficar sen prazas da aparcadoiro nun dos sitios máis necesitados e máis concorridos polos veciños e veciñas da Estrada, especialmente do rural, pola súa céntrica situación e pola súa proximidade ao ambulatorio. Non hai máis ir calquera día pola mañá, os días de feira ou os sábados para decatármonos do imprescindíbel que é o aparcadoiro da Avenida de América.
O BNG insta ao alcalde de crear prazas de aparcadoiro público gratuítas e en superficie dispersas por todo o casco, como retiradamente temos demandado. A Estrada é unha vila eminentemente comercial, se queremos que o siga sendo, os aparcadoiros públicos e gratuítos son imprescindíbeis; Santiago de Compostela está moi preto, onde hai grandes superficies comerciais que ofrecen aparcadoiro público gratuíto para que a xente vaia
comprar con total comodidade.
O comercio é vital para o noso concello, se queremos que sexa competitivo son necesarios aparcadoiros públicos gratuítos, e non pode depender da boa vontade dalgúns veciños, senón dun deseño acaido ás nosas necesidades.
Por outra banda, o BNG da Estrada insta ao goberno do PP a mellorar os aparcadoiros públicos existentes, especialmente o de Correos, que, como xa temos denunciado, está cheo de fochancas e é inservíbel como aparcadoiro público.
BNG de A Estrada