Producimos sidra, pero tamén temos gaiteiras e gaiteiros
Compartimos a idea de celebrar unha Feira da Sidra para apoiar o noso, o que se produce aquí; o que non compartimos é que un evento como este acaba convertido nun esperpento
No BNG non entendemos nin compartimos que a Feira da Sidra, apoiada polo concello da Estrada, acabe sendo un foro de exhibición musical de flamenco, cando no noso concello temos unha abondosa canteira de gaiteiros e gaiteiras de música tradicional, así como outros estilos musicais que cantan na nosa lingua.
A nosa música ben pode amenizar unha velada gastronómica dun produto do país, feito con mazás producidas na Estrada, e darlle a coherencia necesaria a unha feira deste tipo. En Andalucía non hai mazás e polo tanto non producen sidra, mais si manzanilla (viño), que nada ten a ver doa sidra.
Instamos á organización e ao concello a rectificar. Compartimos idea de celebrar unha Feira da Sidra, porque a finalidade é a de apoiar o noso, o que producimos aquí, na Estrada, en Galiza, e niso sempre terán o noso apoio e colaboración. O que non compartimos é que un evento tan importante, de exaltación dun produto galego acabe convertido nun esperpento; empezamos por unha actuación flamenca e o próximo será disfrazarnos de vestido de lunares, sombreiro cordobés e bebendo «rebujito».
BNG de A Estrada