Taxas para as familias, procedemento de matrícula e criterios de admisión, servizo de comedor, caterin ou comida na escola, contratación de persoal ou dos servizos de mantemento varían no modelo municipal e no da Xunta.
O importante non é o edificio, é o servizo
Dende o grupo socialista recoñecemos sempre a necesidade de incrementar as prazas na escola infantil ante a imposibilidade de dar resposta á demanda actual coas prezas existentes. Fai máis dun ano que o alcalde está a falar da construción dunha nova gardería na Estrada e xa van ala varias fotos de destacados políticos da Xunta falando do tema. Sen embargo, a pesares de que o importante é o servizo e non o edificio nin o alcalde nin a Xunta aclaran a situación na que se vai a prestar o servizo de chegar a materializarse o proxecto.
“As noticias sobre a gardería que a xunta vai construir na estrada céntranse sempre nas condicións de construción do edificio. Que pasa coas condicións en que se prestará o servizo? Se a nova escola se integra na rede de escolas da Xunta “Galiña Azul” a situación de desigualdade coas condicións da gardería muncipal serán palpables, comentou a portavoz socialista.
A pesares de que a finais de abril o alcalde anunciou que a xunta e o concello ían asinar un convenio en maio para detallar as condicións do servizo e as competencias de cada administración, segundo as respostas que nos facilitou no pleno do día 2 de xuño nada está decidido.
“O alcalde falou en abril de homoxeneizar os servizos da escola municipal e a da Xunta, dando por feito o seu funcionamento o vindeiro curso. Se as insinuacións feitas polo alcalde José López se materializan José López debe aclarar en que sentido será a decisión que se vai adoptar. As familias serán tratadas en condicións de igualdade na elección de centro, e os traballadores, e os servizos de comedor e coidado serán nas mesmas condicións?”
“Na situación actual, e ante a pasividade e o silencio do Alcalde e a Xunta, A Estrada contará con dúas garderías de natureza distinta, no referente a súa xestión, administración, política de persoal, con criterios de acceso distinto para as familias e taxas diferentes. En definitiva, escolas infantís de dúas velocidades, que racharían co principio de igualdade das familias con respecto ao servizo de escola infantil”
Actualmente as escolas infantís da Xunta “Galiña Azul”, xestionadas dende o Consorcio de Benestar teñen establecidas taxas de 160 cuota mes de xornada completa (máximo) e 70 polo servizo de comedor. No caso da gardería municipal estamos a falar de 110 euros mes e 33 por comedor. É dicir 230 fronte a 143 euros mes por familia. As diferenzas non só se marcan nos totais a ingresar, senón tamén nas bonificacións e reducións existentes segundo os ingresos familiares.
Con respecto ao persoal que desenvolve funcións de educadores e coidadores tamén saltan as diferenzas entre ámbolos dous modelos de xestión. É máis, optará o concello por igualar condicións e salarios do persoal, por sacar a concurso conxuntamente a xestión de ámbalas dúas garderías ou estableceranse diferenzas en iguais funcións?
PSdeG PSOE de A Estrada