O BNG comprométese coa declaración BIC da ponte medieval de Pontevea

bng
A Xunta de Galiza non pode estar en mans de xente que non sinte como propio o seu patrimonio, o 25S podemos abrir #UnTempoNovo na defensa do que é de todos e todas
O BNG das localidades de Teo e A Estrada realizaron na mañá de hoxe sábado na praia fluvial de Pontevea un acto reivindicativo para a declaración como BIC (Ben de Interese Cultura) da ponte medieval de Pontevea.

Este acto, protagonizado por militantes e simpatizantes da organización nacionalista, contou coa presenza e apoio de Rosana Pérez Fernández, ex-deputada do BNG no Congreso e candidata ao Parlamento Galego, e Daniel Rodas Chapela, que foi deputado no Parlamento Galego na pasada lexislatura. Ademais tamén participaron Susana Camba Castro, candidata da Estrada ao Parlamento Galego, así como o concelleiro do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, e de Xosé Magariños Maceiras, concelleiro do BNG da Estrada.

Con este acto o BNG quere deixar clara a súa aposta pola declaración BIC da ponte medieval de Pontevea, unha declaración impulsada pola organización nacionalista no Parlamento Galego, e actualmente en estudo por parte da Xunta de Galiza.

O concelleiro do BNG da Estrada, Xosé Magariños, afirmou que “ se o BNG ten responsabilidades de goberno a partir do 25 de setembro non deixaremos que fique no olvido a declaración BIC da ponte de Pontevea como parece que quere facer o PP, dándolle un forte impulso para que a declaración se faga canto antes.”. “Ademais”, engadiu Magariños, “o noso obxectivo é poñer en valor non só a ponte, senón toda a contorna, que, como dixemos en varias ocasións, ten unha gran potencial desde o punto de vista turístico e sen facer un grande investimento por parte da administración galega e local”.

Neste sentido o concelleiro do BNG explicou que o BNG leva no seu programa “a elaboración de planos directores territoriais do Patrimonio Cultural que estuden e desenvolvan estratexias culturais e económicas transversais de protección e posta en valor do patrimonio cultural”. “Unha estratexia”, indicou Magariños, “na que se implicarían tamén as administracións locais”.

“O BNG da Estrada”, afirmou Xosé Magariños, “comprométese co noso patrimonio, de feito, outro dos nosos obxectivos a partir do 25S é recuperar para o patrimonio público a Torre e o Pazo de Guimarei, que se atopan nun estado lamentábel a pesar da súa declaración BIC, o que demostra que ten que haber un goberno da Xunta que de verdade sinta como propio o rico patrimonio cultural e arquitectónico que temos”. “Neste sentido”, engadiu Magariños, “as transformacións de Pontevedra, Allariz, Poio, Tomiño,… e tantos outros concellos con gobernos nacionalistas comprometidos co noso patrimonio avalan os nosos compromisos e promesas electorais”.

BNG da Estrada

Rúa Leicures, 14-1º

36680 A Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta