Bos días a todas e todos:
Neste ano 2016 celébrase o centenario do nacemento de D. Manuel Reimóndez Portela, médico da parroquia de San Miguel de Castro, humanista, escritor, político, dinamizador cultural..
Durante a primeira semana de setembro, desenvolvéronse en San Miguel de Castro (o seu lugar de nacemento) unhas xornadas culturais na lembranza deste home que deron en chamar “O médico dos pobres”.
Desde o CEIP do Foxo, queremos sumarnos a esa homenaxe e honrar a memoria de Reimóndez Portela e por iso organizamos este acto no que temos o privilexio de contar con D. Luis Reimóndez Fernández, fillo do noso protagonista, que nos comentará entre outros aspectos o perfil humano, persoal e máis descoñecido de seu pai.
- Manuel Reimóndez Portela estivo moi vinculado a este Centro:
No ano 1981 foi pregoeiro da primeira celebración da Festa dos maios neste Centro. Na Biblioteca do noso Colexio temos o pregón orixinal, escrito por el, e doado por D. David Otero Fernández.
Unha das primeiras publicacións de D. Manuel Reimóndez Portela foi una separata falando das Pedras ( un traballo de investigación), impulsada xunto co seu amigo José López Vilariño, que foi director deste Centro. Di Luis Reimóndez referíndose a seu pai :”Non deixaba pasar unha pedra sen tocarlle e saber por que estaba alí”. Un exemplar deste libriño tamén se conserva na Biblioteca do noso Colexio. Esta é unha obra que baixo o título “A Estrada descoñecida” aínda está sen publicar.
No ano 2005 desenvolveuse neste Colexio a actividade “As nosas aulas, os nosos persoeiros”, que precisamente consistiu en poñerlle a cada aula un nome propio, un nome dun persoeiro estradense… ben, pois naquel acto o nome de D. Manuel Reimóndez Portela foi asignado a aula de 1º curso de Educación Primaria recollendo a testemuña deste acto a súa neta Sandra Reimóndez Frei. A finalidade desta actividade é preservar a memoria deste persoeiros e así cada curso os alumnos do nos Colexio desenvolven algunha tarefa na que a través de xogos buscan información sobre esas persoas que dan nome ás aulas e que tanto aportaron para a nosa cultura.
En novembro de 2007 e con motivo da segunda edición da obra de D. Manuel Reimóndez Portela “A Estrada rural”, visitounos tamén D. Luis Reimóndez e D. Valentín García, actual Secretario Xeral de Política Lingüística e que naquel momento foi o encargado de actualizar os textos, complementalos ou amplialos, seguindo a senda do percorrido que Reimóndez fixo por todas as parroquias antes de realizar o traballo. Esta obra que tamén forma parte dos fondos bibliográficos da Biblioteca do Centro é unha especie de enciclopedia local, na que se poden atopar referencias, nomes, historias, planos de aldeas… difíciles de atopar en outras fontes.
Con este acto queremos poñer de manifesto desde o CEIP do Foxo que valoramos fondamente a un dos persoeiros máis destacados da historia recente da Estrada. Neste ano 2016 cúmprense 100 anos do nacemento deste home polifacético e culto que deixa unha fonda pegada na historia da nosa localidade.
Para falarnos del temos o privilexio de contar cunha persoa que o coñece en todas as súas facetas: médico, humanista, escritor, investigador…Esta persoa é o seu fillo D. Luis Reimóndez Fernández, que xa nos ten visitado e acompañado en multitude de actividades que desenvolve o Centro.
Como xa dixen a perosa que hoxe nos acompaña é Luis Reimóndez, fillo de D. Manuel Reimóndez Portela, presidente da Fundación Neira Vilas, Presidente do Centro de Iniciativas e turismo da Estrada, vicepresidente do Seminario de Estudos Locais da Estrada e amigo do noso Centro a quen lle agradecemos fondamente a súa participación neste acto que fai posible que dispoñamos de información fidedigna sobre o persoeiro protagonista desta xornada. Sen máis pásolle a palabra a Luis Reimóndez.