O grupo municipal socialista da Estrada pedirán explicacións ao alcalde José López, responsable de persoal no Concello e aos seus colaboradores pola nefasta xestión que veñen facendo e materia de persoal. Por esta razón, e facendo valer o número de concelleiros obtidos, solicitou por rexistro a convocatoria da comisión informativa de persoal.
“O alcalde José López terá que explicar porque se aprobou unha OEP 2016 de xeito irregular: sen negociar cos representantes dos traballadores e traballadoras, recollendo máis prazas vacantes das que permite a lexislación vixente e sen aprobar en pleno o acordo preceptivo ao respecto”, comentou a portavoz socialista. “Alguén ten que asumir responsabilidades desta chapuza que vai traer consecuencias para terceiras persoas implicadas nos procesos de contratación e para as arcas municipais. As persoas contratadas ao abeiro da OEP 16 perderán o seu traballo ao estar convocada a praza que ocupan con base nun procedemento nulo, podendo solicitar mesmo responsabilidade patrimonial ao concello” (indemnizacións e responsabilidades, así como a devolución das taxas as persoas que se presentaron ás oposicións celebradas para cubrir as prazas convocadas).
O Concello da Estrada destina anualmente 100.000 a pagar a persoas que entre as súas competencias levan a materia de persoal, sendo esta área xustificación da súa contratación. O alcalde José López, Alberto Blanco, concelleiro de Facenda e Persoal, o directo de Réxime Interno e o departamento de persoal, creado exprofeso polo goberno municipal para a xestión “adecuada” nesta materia. “Resulta incomprensible que o Concello non se teña personado no xuízo no que se trataba a anulación da OEP 16, só se nos ocorre unha explicación posible: “acaso ao non presentarse o alcalde e os seus colaboradores estaban recoñecendo que sabían que o fixeran mal? Se é así estamos ante un feito moi grave e incluso constitutivo de delito. Xa está ben de cubrir os erros de xestión do goberno cos cartos de todos os estradenses, alguén terá que asumir responsabilidades desta nefasta xestión en materia de persoal, non podemos seguir pagando a persoas que non cumpren coas súas obrigas. O alcalde terá que depurar responsabilidades e cesar ao xefe de réxime interno se autorizou este proceder ou ao concelleiro de facenda e persoal, ou se el mesmo era coñecedor desta situación de ilegalidade ao respecto da OEP debe ser el o que dimita”.
Nos últimos 3 anos o persoal municipal presentou 30 reclamacións xudiciais en materia de persoal e o 80 % das sentencias déronlle a razón aos traballadores contra o Concello. Calculamos que só no 2016 o cumprimento das sentencias suporán que o Concello deba pagar entorno aos 180.000 euros. “Se a esto lle engadimos o diñeiro que se usou para sacar adiante a convocatoria das prazas que agora se van ver afectadas e as posibles reclamacións derivadas desta sentenza e os gastos en avogados (xa temos denunciado publicamente en varias ocasións o incremento notorio da partida destinadas a este fin nos orzamentos) a ineficiencia coa que se está xestionando a materia de persoal esixen a dimisión dos responsables da súa xestion directa”.






































