Comenza a vendas de entradas para «EROSKI PARAÍSO»

O vindeiro luns día 27 poranse á venda no Departamento de Cultura as entradas para a obra EROSKI PARAÍSO, que o Grupo Chévere levará a escena o venres día 3 de marzo no Teatro Principal. Un dos espectáculos máis exitosos do ano 16 en Galicia e a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro.
 
EROSKI PARAÍSO (Grupo Chévere)
 
DIRECCIÓN: Xron
ELENCO: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez, Luís Martínez
DÍA DA FUNCIÓN: Venres día 3 ás 21.00h no Teatro Principal da Estrada
XÉNERO: Comedia
CATALOGACIÓN: +16 anos
DURACIÓN: 90 min
PREZO: 5,00€
 

Como outras pezas de Chévere, Eroski Paraíso é o resultado dun proceso de procura de varios meses que logo se concreta no local de ensaio. Nesta ocasión fíxose un traballo de documentación previo sobre a sala de festas Paraíso, que funcionou en Muros entre 1972 e 1990. Alí coñecéronse Eva Martínez e Antonio Formoso en 1989, como tantas outras parellas da zona. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles. Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

A obra conta con sobretítulos proxectados que están adaptados para persoas xordas ou con problemas de audición.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta