Non é ouro todo o que reloce no transporte público da Estrada

Queremos recordarlle ao alcalde que hai veciños e veciñas do rural que viron como se incrementaron os billetes nun 50% desde a inclusión da Estrada no transporte metropolitano, así como a supresión de diversos tramos horarios
 
 
 
Desde o BNG pedímoslle ao alcalde da Estrada menos triunfalismo a respecto do transporte público. 

 
Se ben é certo que para unha parte importante dos veciños e veciñas a entrada do concello na área de transporte metropolitano de Santiago trouxo unha rebaixa importante no prezo do billete, non é ouro todo o que reloce, como xa temos manifestado no seu día. Aos veciños e veciñas de Vea, así como de Arnois, non lles sae tan a prezo a a nova tarifa metropolitana, con incrementos que van desde o 30 ao 50% a respecto do que pagaban antes, feito que denunciamos xa aló polo 2015.
 
Pero por se isto fora pouco tamén houbo supresión de diversos tramos horarios, afectando non só á Estrada, senón tamén a Cuntis e Moraña, reducindo as posibilidades de desprazamento desde estes concellos á capital galega e viceversa.
 
Polo tanto é falso o que afirma o alcalde de que lle «deron resposta ás demandas» veciñais. Reiterar que foi o BNG o que denunciou o incremento das tarifas para unha parte dos usuarios do transporte metropolitano e desde o goberno municipal nada se fixo desde entón.
 
Este pasotismo do PP terá consecuencias, porque se xa houbo unha redución de viaxeiros desde o incremento de prezo do billete en 2015, a supresión dalgúns tramos horarios tamén tivo unha repercusión negativa, o que redundará no futuro coa eliminación de liñas de transporte público, escusándose en que non son rendíbeis. Como van ser rendíbeis se desde a Xunta fan que non o sexan e desde o goberno municipal pasan de todo?
 
Finalmente queremos recordarlle ao PP, que o transporte público no rural é fundamental, porque para moitos veciños e veciñas é a única alternativa que teñen para desprazarse. Se queremos vertebrar un territorio como o noso co 50% da poboación no rural é fundamental contar con transporte público, como se fai en todos os países europeos; o que pon de manifesto as declaracións do alcalde é que a política do PP para o rural pasa por que a xente se vaia vivir aos grandes núcleos de poboación, que se pon de manifesto non só na política de transporte público, senón tamén no PXOM, na política agraria, etc.
   

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta