Unha representación da organización nacionalista mantivo un encontro coa nova directiva da Asociación Comarcal de Empresarios
Nesta reunión o BNG da Estrada amosou o apoio ás demandas da ACE, explicitadas após a reunión co grupo de goberno. En concreto desde o BNG consideramos prioritario, como xa temos explicado en múltiples ocasións, a necesidade de solo industrial público,que pasaría inexcusabelmente pola ampliación do Polígono Industrial de Toedo. O BNG amosou á directiva de empresarios da Estrada o apoio á Cidade do Móbel, soporte dinamizador do sector, lamentando os retrasos que ten ese polígono industrial desde que goberna o PP a Xunta de Galiza.
A respecto das infraestruturas desde o BNG tamén consideramos que a Variante é imprescindíbel para unha ordenación sostíbel da vila da Estrada. Neste sentido, emprazamos ao alcalde da Estrada á convocar unha «Mesa das Infraestruturas», composta por todos os grupos políticos e entidades (ACE, ACOE, …), na que que se consensuara e se puxera negro sobre branco as prioridades e compromisos de todos e todas sobre as infraestruturas que necesita o concello para dinamizarse social e economicamente.
Noutra orde de cousas, desde o BNG tamén amosamos a nosa preocupación sobre o desenvolvemento do Plan Xeral. Insistimos na necesidade de que o concello sexa o motor do Plan e non agardar a que veñan intereses privados a facelo.






































