As festas inlcuirán o sábado unha masterclass de zumba a favor de Cáritas

 

O colectivo solicita en especial azucre, fariña, cacao soluble e carne

 

Os deportes e a solidariedade estarán moi presentes nas festas do San Paio 2017. Mostra disto será a masterclass de zumba que terá lugar o sábado, día 24, ás 18.00 horas e que estará dirixida por Priscilla Dance. “No marco dunhas festas patronais parécenos que nos podemos divertir e ó mesmo tempo facer unha actividade como esta que contribúa e repercuta máis alá do prazo dun simple evento, sendo ese un pouco o sentido destes actos que facemos na programación”, resaltou Gonzalo Louzao, presidente da Comisión de Festas onte durante a presentación do evento.

A actividade, que terá unha duración de aproximadamente dúas horas, contará coa colaboración doutros instrutores procedentes de A Estrada, de Vigo, de Pontevedra e de Lalín. Entre eles están Isa, Laura, Paula, Bruno, Lucía, Sara, Raquel, Patricia, Alba, e por suposto, Priscilla.

O escenario elixido será a Praza do Concello e o obxectivo principal é recadar alimentos en favor de Cáritas Parroquial da Estrada. Nesta ocasión, o colectivo solicita sobre todo azucre, fariña, cacao soluble e polos ou calquera outro tipo de carne. “Nestes momentos pasta temos moita, pero temos necesidade dalgúns alimentos que non nos chegan a miúdo, como azucre, fariña, cacao e é raro que nos dean carne, e si temos conxeladores e neveiras, así que nos gustaría que nos mandaran polos, salchichas, e algo máis substancioso para poder acompañar a pasta”, comenta Vicky Pombo Nieves, unha das voluntarias de Cáritas Parroquial da Estrada. O colectivo está axudando a un número destacado de familias. “Estamos atendendo a algo máis dun centenar de familias, entre roupa, comida, entre axudas para pagar o aluguer, medicamentos, bombonas, porque cunha axuda de 400 euros, se 200 son de aluguer e 50 de luz, e o auga trimestralmente é imposible vivir”, destaca Lourdes Tejedora, de Cáritas.

A actividade conta ademais con cinco patrocinadores (Concello da Estrada, Gedesegu, Sala Gradin, Chocosport e Samaná. “Os patrocinadores aportarán alimentos e tamén diversas cousas para os instrutores”, afirmou Priscilla.

“Queriamos ter un cartel das festas con grandes orquestras que teñen moitísimo arraigo aquí en Galicia e grandes concertos como pode ser Roi Casal, e tamén ter actividades de día e unha das que lle queremos dar unha especie de relevancia son as solidarias, como esta masterclass de zumba.

Desde a comisión de festas agradecemos a Priscilla que poida organizar un evento, por unha parte como este desinteresadamente, e por outra que sexa con este carácter solidario”, resaltou Louzao.

Priscila comunicou que “será unha clase aberta a tódolos públicos e idades, practiquen ou non zumba e tamén haberá unha exhibición das miñas alumnas de zumba step, unhas 13 chicas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta