O BNG da Estrada vén de comprobar unha serie de problemas que afectan negativamente ós veciños de San Miguel de Castro.
O primeiro deles é a ocupación dun camiño público por parte da empresa ERIMSA S.A. no lugar de Prado. Tal camiño dá acceso a parcelas privadas, acceso que agora está totalmente bloqueado por acumulación de materiais producidos pola canteira e mesmo por grandes blocos de pedra colocados a propósito para impedir o paso. Supoñemos desde o BNG que non hai licencia posible para esta actuación e que o goberno municipal debe restablecer xa os dereitos dos veciños.
O segundo problema refírese ó estado de deterioro en que se atopa o firme da travesía que une a estrada PO2017 (Balboa-Ponte Ledesma) coa N 525 no cruce de Balboa desde o lugar de Moimenta e paso obrigado se os usuarios queren evitar a perigosa saída á 525 en Balboa. Esta travesía soporta o paso de camións de ERIMSA, motivo que esixe un mantemento periódico que, segundo a nosa información, lle corresponde á empresa propietaria dos camións de gran tonelaxe que transitan por ela.
Desde o BNG instamos ó goberno municipal a que poña inmediata solución a estas situacións que prexudican de forma significativa aos veciños e veciñas destes lugares, veciños que ademais veñen soportando día tras día situacións que se producen desde hai tempo sen ningún tipo de intervención do poder público : Trazado perigosísimo da desviación que fomento fixo na PO2017 por mor do AVE, desviación de facto, sen licencia previa, de parte do caudal do Rego de Castelo para uso privado ..
Insistimos en que o goberno do Sr. López exerza dunha vez por todas de alcalde e cumpra coas súas responsabilidades.






































