Está dirixido aos maiores de 50 anos e busca revalorizar o patrimonio da zona
O Vicerreitorado de Formación e Innovación Educativa e o Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela achegará en outubro o IV Ciclo da USC, baixo o título Camiños de coñecemento e experiencia: comarca de Tabeirós, á Estrada, que se dividirá en tres seminarios de distintas temáticas. Democratizar o coñecemento. Ese é o obxectivo desta iniciativa que se estende por varios concellos galegos. Está dirixida a persoas de máis de 50 anos das comarcas da contorna de Compostela e da súa zona de influencia que por diferentes motivos non poden asistir ás clases do programa de formación para maiores nas instalacións universitarias. Ademais, a acción formativa, de poucos días de duración, busca revalorizar o patrimonio, concienciar sobre a presenza da ciencia no día a día e recoñecer o valor das disciplinas artísticas coas emocións e coas vivencias.O primeiro seminario fai referencia á historia da cultura de Galicia no patrimonio da súa comarca: A Galicia dos antergos que estará composto por unha sesión teórica e outra práctica que incluirá un roteiro por un dos bens do patrimonio da comarca, O Pazo de Oca. Estará impartido por Rubén Castro Redondo, profesor da Facultade de Historia da USC. Trataranse os seguintes temas:O concepto, cronoloxía,caracterización e problemas da cultura castrexa.Xacementos máis significativos do período castrexo galego.Ferramentas e utilidades na rede sobre os castros da contorna.A parte teórica terá lugar no Museo do Moble e da Madeira (MOME) o día 17 de outubro de 17.00 a 18.30 horas e a práctica será, á mesma hora, o día 18.O segundo seminario ten como finalidade o mundo artístico, concretamente o musical. A música, que está moi presente na vida cotiá e nos distintos ámbitos, é unha linguaxe diferente coas súas propias normas, que require de coñecementos específicos para o seu uso e dominio. Ademais, a música ten moitas funcións, entre elas a educación. Este segundo seminario leva por título Invitación a un concerto. A sesión teórica terá lugar o día 24 de 17.00 a 18.30 horas no MOME e a práctica será unha audición no Auditorio de Galicia, proporcionando servizo de autobús, pero aínda falta por concretar a data. Prevese que sexa unha audición da Real Filharmonía de GaliciaOs temas que se desenvolverán durante esta parte serán :Emoción, afectividade e música. Como afecta a música ao noso cerebroA construción musical como manifestación cultural artística: a música constrúe cultura e constrúe sociedade. Usos e funcións da música.Periodización da Historia da Música Clásica en Occidente. Etapas e características.Nesta segunda parte do programa intervirán as docentes Silvana Longueira Matos, profesora da Facultade de Ciencias da Educación, e Laura Touriñán Morandeira, profesora da Facultade de Historia da USC.A temática do terceiro e último seminario será Como o cambio climático pode cambiar as nosas vidas. Fragmentarase tamén nunha parte teórica e outra práctica. A primeira será no MOME o día 26 de 17.00 a 18.30 horas. E durante a práctica realizarase unha visita a un espazo natural da zona para coñecer de cerca o seu funcionamento presente e o futuro. Tamén haberá servizo de autobús. A saída está prevista para o día 30, de 17.00 a 18.30 horas.Trataranse:Os conceptos básicos sobre o clima.O coñecemento de organismos científicos autonómicos, nacionais e internacionais que traballan no cambio climático.E levarase a cabo unha análise das posibles repercusións do cambio climático no sector medioambiental galego.Os docentes serán Xosé Antón Rodríguez Añón, profesor da Facultade de Físicas da USC e Xurxo Proupín Castiñeiras, profesor Titular do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Físicas da USC.Previamente á celebración das sesións teóricas, os asistentes recibirán a presentación en PowerPoint de todo o que se vai tratar en cada unha delas.A actividade está patrocinada pola Consellería de Política Social, pola Deputación de Pontevedra e polo Concello da Estrada. Os interesados en participar neste programa, que é de carácter gratuíto, poden anotarse desde hoxe (día 30) no Departamento de Cultura, segundo andar do Concello da Estrada, en horario matinal, ou a través do teléfono 986 677 748. O prazo de inscrición remata o 11 de outubro.






































