O BNG alerta das consecuencias desastrosas para o Ulla da mina que se planea por en marcha en Touro

Organiza unha reunión informativa aberta a todos os veciños e veciñas sobre as consecuencias da mina para o vindeiro martes 10 de outubro

 O BNG da Estrada presentará de urxencia no pleno do vindeiro xoves unha moción contra a futura mina San Rafael no concello de Touro. Segundo explicou o concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, “de poñerse en marcha esta mina terá serias consecuencias medio ambientais sobre o río Ulla, e mesmo sobre a calidade de vida das persoas que viven na súa contorna”.
 
O concelleiro do BNG indicou que “este tipo de explotacións, a ceo aberto e de case 700 Ha, teñen a característica de ser o método máis económico a rápido para extraer os minerais, motivo este que o fai moi apetecido pola industria mineira cando as lexislacións son laxas en materia medioambiental.” Neste sentido, o nacionalista critica “a aprobación da Lei de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, presentada pola vía de urxencia polo Partido Popular no Parlamento Galego, dá patente de corso a mineiras e eléctricas para saltarse todos os controis públicos para arrasar o noso territorio”. “Isto pode ser a pinga que colma o vaso do desastre do noso rural”, afirma o concelleiro do BNG.
 
Xosé Magariños explica que “este tipo de explotacións xera enormes cantidades de refugallos de rocha e po, contaminando grandes cantidades de auga, polo que as consecuencias prexudiciais para o medio ambiente son importantes. Sirva como dato que segundo o INE este tipo de industria xera o 75% dos residuos industriais do estado.”
 
“As consecuencias directas sobre o medio ambiente teñen que ver coa destrución da capa superficial de terra, deixando unha paisaxe inerte; a afección aos acuíferos e os cursos de auga próximos vense tamén afectados, o que pon en perigo a flora e fauna da zona (especialmente a riqueza piscícola, que non podemos esquecer que xera un fluxo importante de recursos económicos e sociais no noso concello). As alteración que se producen son tan importantes que non é posible recuperar o entorno natural por completo, “explica o concelleiro nacionalista.
 
“De poñerse en marcha esta mina terá consecuencias desastrosas para o río Ulla, xa afectado no pasado por explotacións mineiras, e por varios encoros que hai ao longo do seu curso”, afirmou Magariños.
 
Reunión informativa
O BNG organizará unha reunión informativa para explicar aos veciños e veciñas da Estrada as consecuencias que terá para o noso concello a posta en marcha da mina de Touro. Será o vindeiro martes 10 de outubro, ás 20.30h, no Teatro Principal, e contará coa presenza Xosé Magariños, Xoán Louzao (concelleiro do BNG de Touro) e Noa Presas (deputada do BNG no Parlamento Galego).
 

— 

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta