O Concello da Estrada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela levou a cabo durante o curso académico 2016/2017, concretamente no primeiro trimestre do ano presente, un estudo sobre o consumo de drogas e o uso problemático entre os adolescentes no municipio. Foi levado a cabo pola responsable do Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello da Estrada, Isabel Sanmartín, e pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC, liderado por Antonio Rial e coordinado pola investigadora Sandra Golpe. Este estudo forma parte dun proxecto de investigación financiado polo Plan Nacional sobre Drogas. Os datos foron presentados hoxe por parte de Rial e durante o acto tamén estivo presente Sanmartín, Golpe e Óscar Rancaño, concelleiro de Sanidade.
O obxectivo deste estudo é coñecer os niveis de consumo de alcohol e outras drogas entre os adolescentes, estimando á súa vez o posible consumo problemático ou risco. Así como analizar o uso da Internet e das novas tecnoloxías, a incidencia do uso problemático (o que sería a adición aínda que non estea aínda definido como tal), as condutas de ciberacoso e determinadas prácticas como o sexting, o contacto con descoñecidos, o xogo en liña ou as apostas na rede.
O estudo analizou as condutas dun total de 649 adolescentes, de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pertencentes a catro centros do concello da Estrada: IES Nº 1 A Estrada, IES Antón Losada Diéguez, IES Manuel García Barros e o CPR Plurilingüe Nuestra Señora de Lourdes. Do número en total de alumnos dos catro cursos da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) o 51,1% foron homes o o 48,9% mulleres.
O estudo realizado mostra que o 81,3 % do alumnado afirma ter xogado a videoxogos na rede no último ano, sendo os máis populares o Clash Royal/Clash of Clans (56,3%), Pokémon (45,2%) e o GTA (44,3%). Con respecto ao ciberbullying os datos mostran unha prevalencia de 13,1% vítimas e o 9,5% de agresores. Ademais, detectouse un 3,5% de mozos cun perfil de vítimas/agresoras.
No referente ao consumo de drogas e de alcohol, no último ano, 1 de cada 3 (33%) dos adolescentes beberon alcohol, chegando a emborracharse o 11,7%, e o 11,6% fumaron tabaco. No último mes estas cifras sitúanse no 11,7% para o consumo de alcohol, 3,5% para emborracharse e o 4,5% para o tabaco.
Por outra banda, o 2,2% consumiu marihuana ou hachís no último ano e o 0,5% no último mes. En canto aos consumos de risco de alcohol, cánnabis e drogas en xeral, as taxas atopadas sitúanse no 10%, no 0,8% e no 10,9%.
Con estes datos sobre o papel, o estudo mostra que os niveis de consumo de alcohol son menores que os atopados no conxunto de Galicia, pero aínda así débense manter o esforzo neste eido, especialmente no tocante ás mulleres e aos alumnos de segundo ciclo (14-16 anos). Tamén o uso problemático de Internet e o posible risco de ciberdependencia presenta niveis lixeiramente menores que no conxunto da comunidade e de novo maior entre as mozas, o que xustifica a necesidade de introducir a perspectiva de xénero na labor de prevención.
Os datos son preocupantes no referente ao xogo online ou ao contacto con descoñecidos, o que evidencia a necesidade de esforzos específicos a este nivel. En canto ao cyberbullying, máis do 13% confesan ter sido vítimas de acoso na rede, cifra inferior ao número de agresores (9,5%). Hai que destacar que 1 de cada 4 vítimas son tamén agresoras e de novo as mulleres son as que presentan maiores porcentaxes de ciberacoso, sobre todo en vitimización, aínda que case o 1 de cada 10 recoñece tamén ter acosado a outros nas rede.
Outro dos aspectos no que é necesario incidir, trala realización desta análise, é o papel dos pais no uso responsable da Internet que segue a ser unha materia pendente: só o 38,5% controlan ou limitan o uso que os fillos fan de Internet ou do móbil, o que concorda coas altas porcentaxes de uso a partires das 12 da noite ou incluso nos centros e mesmo nas aulas. Hai que destacar que o 93,5% do alumnado ten móbil con datos.
Isabel Sanmartín anunciou que dentro de 15 días convocarase unha reunión cos membros da directiva dos centros educativos e con representantes das ANPAS para comunicarlles os resultados deste estudo. Tanto Sanmartín como Rial inciden na necesidade de traballar conxuntamente, Administracións, pais e docentes, sendo moi importante a prevención familiar e insisten en que nunca se debe caer na autocomplacencia. Resaltan tamén a importancia de fomentar alternativas de lecer, actividades que sexa do interese dos mozos, para evitar que caían nesas prácticas daniñas.






































