O Teatro Principal da Estrada acollerá o vindeiro martes, día 21, unha obra teatral para conmemorar o Día Internacional do neno. A representación será ás 12.00 horas e asistirán os alumnos de quinto e sexto de primaria dos sete colexios estradenses: CEIP Cabada Vázquez, CEIP de Figueiroa, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Manuel Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi e CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes. Tamén poderá acudir o público en xeral, cun prezo por entrada de tres euros.
O alumnado gozará da obra Manawee de Matrioshka Teatro. Nela interveñen a actriz estradense Chelo do Rejo, ademais de Anabell Gago e Lorena Conde. O espectáculo versa sobre as emocións e vai dirixida ao público familiar e xuvenil. A obra amosa eses momentos da infancia no que as cousas están a piques de cambiar para sempre. Eses estados de desconcerto, de temor e de excitación que se dan por primeira vez na vida de todas as persoas de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. É un espectáculo que pretende ser unha guía para traballar a intelixencia emocional na infancia e que tamén vai dirixida aos adultos acompañantes, de xeito que a obra poida ser unha ferramenta útil para establecer esta comunicación cos cativos que inician o seu cambio cara a adultez.
Todos aqueles que queiran asistir ao espectáculo, poderán recoller a súa entrada no Departamento de Cultura do Concello da Estrada en horario de oficina.






































