Alumnos dos sete centros educativos asistiron hoxe ao Teatro Principal para conmemorar o Día do Neno

O Día Internacional do Neno conmemorouse onte, como cada 20 de novembro, co obxectivo de reivindicar os dereitos dos menores. A Estrada sumouse esta mañá aos actos de celebración a través da representación da  obra Manawee de Matrioshka Teatro. Ata o Teatro Principal acercáronse alumnos dos sete colexios estradenses: CEIP Cabada Vázquez, CEIP de Figueiroa, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Manuel Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi e CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes.

Nesta función intervén a actriz estradense Chelo do Rejo, ademais de Anabell Gago e Lorena Conde. O espectáculo versa sobre as emocións e vai dirixida ao público familiar e xuvenil. A obra amosa eses momentos da infancia no que as cousas están a piques de cambiar para sempre. Eses estados de desconcerto, de temor e de excitación que se dan por primeira vez na vida de todas as persoas de idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos. É un espectáculo que pretende ser unha guía para traballar a intelixencia emocional na infancia e que tamén vai dirixida aos adultos acompañantes, de xeito que a obra poida ser unha ferramenta útil para establecer esta comunicación cos cativos que inician o seu cambio cara a adultez.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta