No mes de xaneiro o Viveiro de Empresas da Estrada contará cunha nova empresa. Trátase da Central Científica Galega. Esta mañá reuniuse o comité da executiva de seguimento do viveiro de empresas contando coa asistencia do concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Emprego, Óscar Durán, e con representantes da Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada (ACE), da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) e da Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE). Entre os puntos que trataron na orde do día foi a aprobación desta nova incorporación e ademais fixeron un balance deste primeiro ano do viveiro e formularon iniciativas para promocionalo de cara ao vindeiro ano.
“O balance que temos que facer nós, a verdade non é o que agardabamos, pero coa incorporación desta nova empresa deunos unha alegría. A miña idea é que estivera cheo e esa seguirá sendo a nosa intención, a de enchelo no 2018. Nós faremos máis promoción. Levaremos a cabo diversas actuacións, como cursos, xornadas de formación para darlle un maior dinamismo”, indica Durán. Aínda que o edil recalca que dita publicidade xa se fixo desde os seus inicios provocando unha gran expectación e que a día de hoxe hai xente que segue preguntando polas condicións e realmente non as cren do boas que son. “Son 50 euros ao mes que inclúe a luz, a calefacción, teléfono, internet e servizo de reprografía e é un lugar de traballo visible”.
O edil confía en que o viveiro colla pulo e que se animen máis firmas co aumento de actividade no edificio debido a ocupación a principios de ano do centro de día e da ludoteca. “Ademais agardamos sacar a concesión da cafetería, non a do mercado, senón a cafetería de todo o edificio”, apunta Durán.
A nova empresa
Central Científica Galega (CCG) ten como obxectivo proporcionar servizos de carácter científico-técnico para o control ambiental. Para iso ofrece solucións tecnolóxicas integrais, innovadoras e accesibles para a detección e monitorización de contaminación ambiental e asesoramento para o control da mesma, tanto no ámbito residencial como no empresarial. Dita análise e control será de obrigado cumprimento a partir do vindeiro ano 2018, para adecuarse ás normativas nacionais e internacionais de seguridade e saúde no fogar e no traballo.
A empresa, con sede na Estrada, é froito da fusión da iniciativa empresarial e científica privada galega, e xorde co obxectivo de prestar servizos de asesoría, consultoría, deseño, avaliación e execución experimental de proxectos de carácter científico-técnico. Actualmente, atópase en fase de negociación con varias empresas multinacionais co fin de aplicar en exclusiva os últimos avances en control ambiental na Península Ibérica.
Iván Cristobo, Xerente e Responsable Científico da empresa, é doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e posúe unha dilatada carreira no mundo da investigación sanitaria (enfermidades vasculares, cancro e novas estratexias terapéuticas) e na valorización dos seus resultados coa empresa. Traballou como investigador e xestor en máis de 20 proxectos en prestixiosas institucións e consorcios nacionais e internacionais como a Universidade e o Hospital Clínico de Santiago de Compostela, o Consello Superior de Investigacións Científicas ou a Universidade de Alabama.






































