Representantes dos grupos políticos da Estrada e empresarios reuníronse para buscar solucións
A sede da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada reuniu o luns pola noite a representantes de todos os grupos políticos, así como a empresarios do sector local do moble e da madeira co obxectivo de impulsar a Feira do Moble que se celebrará no mes de setembro. O alcalde da Estrada, José López, incidiu na importancia de reinvertarse para que esta cita recupere o seu gran éxito de anos anteriores. Os presentes, que seguirán traballando durante os meses previos a súa celebración, asumen a importancia de traballar en conxunto para impulsar ao sector e para que a fundación e a feira volvan a ser un escaparate atractivo e referente en toda en Galicia.
“Sabemos que estamos pasando por un momento complexo, o mercado baixou moito, porque no que é a construción de vivendas houbo unha redución considerable e iso inevitablemente xera un prexuízo no sector”, xustifica o alcalde o que adianta que “o que temos que facer agora é repensar o papel que xoga a Fundación de Exposicións e Congresos e a Feira do Moble para o sector”. Durante a reunión, o rexedor transmitiulles claramente aos presentes que “a Feira do Moble é unha ferramenta, e como tal ten que ser útil. Se temos unha institución, como é a Fundación de Exposicións e Congresos, que ten un orzamento anual que se financia coa organización de eventos feirais, pero tamén coa achega das Administracións, e esa ferramenta non está sendo útil para o sector ou cambiamos a ferramenta e a actualizamos ou evidentemente non terá sentido que siga funcionando”.
O mandatario está convencido de que se debe apostar pola primeira opción. “Temos que repensar a fundación, repensar o seu papel e temos que volvela a converter no escaparate útil para o sector. E nesa liña o que fixemos onte foi reunirnos con representantes das empresas máis importantes do sector do moble e da madeira da Estrada”. López agradece a presenza masiva de asistentes á reunión, tanto aos empresarios, como aos representantes dos distintos grupos políticos “porque entre todos temos que buscar esa alternativa que ademais nos corresponde e é a nosa responsabilidade”.
O alcalde sinala que se volverán reunir e traballarán para que a Feira do Moble volva ser o que foi. “ A Feira do Moble sempre foi o gran escaparate do moble en Galicia e ten que seguir séndoo. O sector mudou e evolucionou e a feira tamén ten que acompañar a ese cambio e temos que seguir sendo útiles”. López considera que “co traballo de todos a feira deste ano ten que ser unha feira de transición e temos que conseguir ese punto de inflexión e o cambio tense que producir agora no 2018 e temos que volver outra vez a relanzar o recinto feiral”. O alcalde é consciente de que A Estrada “é a capital do moble de Galicia e por iso a fundación e a feira teñen que ser o gran escaparate, e non o están sendo. E sabemos que o sector está mellor ca nunca, a economía da Estrada segue dependendo dunha maneira moi importante do sector do moble e da madeira, pero a fundación ten que reinventarse”.
Entre as alternativas para relanzar a fundación, e polo tanto a feira, pasa primeiramente por impulsala a través das novas tecnoloxías. “O escaparate aínda que sexa unha escaparate físico, o virtual, hoxe en día, é o predomina no mercado, por iso seguramente a fundación ten que traballar para posicionar aos nosos empresarios en Internet, na rede”. O alcalde transmite a importancia desta idea xa que “a través da rede fanse unha cantidade de contactos, danse a coñecer unha gran cantidade de produtos e sobre todo, o valor engadido que ten o moble da Estrada é que é un moble de calidade, un moble axustable ás necesidades de cada un e sobre todo, é un moble moi polivalente que podemos adaptar a calquera situación, en calquera circunstancia e podemos comercializalo en calquera sitio do mundo”. Segundo o rexedor é a fundación que ten que posicionar ao sector estradense nese mercado que existe a nivel global a través das novas tecnoloxías.
Ademais o alcalde, á marxe desta tan necesaria promoción, cre que é fundamental “que busquemos a maneira de que o propio sector da Estrada se sinta representado na fundación e que asista ao certame, xa que no último só estiveron catro empresarios, polo que temos que facer atractiva a feira para que os empresarios locais sexan os primeiros que aposten por ela”. Ademais, recalca que “temos produto, calidade e deseño e a xente vén á feira porque é un produto atractivo e segue habendo esa idea de que para ver e comprar mobles hai que ir a Estrada e iso é un valor engadido que temos que potenciar”.
Esas son as dúas vías que se barallou onte durante a reunión para relanzar a feira e o propio recinto feiral. López incide en que “pensando única e exclusivamente en que non temos que sustentar a feira, tal e como llo expliquei aos empresarios, porque o problema non é a fundación nin a feira do moble, o problema é que sexa útil para os propios empresarios porque só así terá sentido, senón non ten cabida que a sigamos mantendo”.






































