Con este filme, a Estrada conmemora o Día Internacional das linguas maternas
A Estrada súmase á celebración do Día Internacional das linguas maternas, que será o 21 deste mes. Con motivo da conmemoración desta data, o Departamento de Cultura, en colaboración con Minicines Central, programa o pase, ás 20.00 horas, do documental A Palabra Xusta, duns 70 minutos de duración e apta para todos os públicos. Nesta película a súa protagonista, Antía Cal, é unha pedagoga que fundou un colexio moi anovador no Vigo dos anos 60 e aborda o tema da Educación partindo da lingua materna. O filme conta coa colaboración especial de Javier Gutiérrez e de Rebeca Montero. Dirixido por Miguel Piñeiro a música orixinal está composta por Nani García, o director de fotografía é Alfredo Pérez, a directora de produción, Ana Bouzas e a produción executiva corre por conta de Miguel Piñeiro, Carme Varela e Fernando Alfosín, sendo unha produción de Atlantis Multimedia S.L.
No Marco de Acción Educación 2030 da UNESCO recóllese unha folla de ruta para a aplicación da Axenda 2030 na que se fomenta o pleno respecto á hora de usar a lingua materna na ensinanza e a aprendizaxe, a promoción e a perseveranza da diversidade lingüística. A palabra xusta é un xogo inventado por unha profesora para o seu alumnado. Ao rematar a clase cada neno ten que escribir nun pequeno papel, e da maneira máis sintética, o que aprendeu na clase do día, incluso, se fose posible nunha única palabra. As respostas poñeranse na parede e entre todos elixirán a mellor: a palabra xusta. Esta mestra chámase Antía Cal Vázquez, Tita, para o seu alumnado, hoxe ten 92 lúcidos anos e dende a distancia mira aquel tempo no que fundou un colexio e puxo en marcha unha das máis singulares experiencias pedagóxicas da súa contorna.
Ante a cámara, a protagonista vai debullando os seus recordos, os seus pensamentos e emocións. Buscará a palabra xusta para contar as súas orixes, a súa infancia, o seu encontro cunha universidade ancorada no pasado, a chegada do grande amor da súa vida, a fundación dunha escola que rompía co establecido… todo o que a formou como muller, mestra e pedagoga. Deste xeito, A palabra xusta dá a coñecer a unha muller singular que fundou o Colexio Rosalía de Castro en Vigo en 1961 e cuxa obra perdurou no seu alumnado ata hoxe.
A palabra xusta leva ao espectador polas estancias dunha casa parada no tempo que desvela unha vida tan silenciosa como frutífera, sendo esta vivenda o principio e tamén a metáfora. O filme transita polas paisaxes do Alto Eume. A severidade da paisaxe, os seus camiños, os seus bosques, a pegada do home no territorio son obxecto dunha narración visual tan poética como veraz. É unha viaxe a través da memoria das cousas: os obxectos que enchen os caixóns e os armarios son a memoria sensorial que achega ao espectador a un tempo xa pasado. O filme é o percorrido emocional e poético das cartas de Antón Beiras a Tita antes de casar: unha historia de amor que uniría a dous fanáticos do progreso, da evolución científica e da liberdade. Son cartas cargadas de lirismo onde se adiviña o talento e talante dun home singular, un oftalmólogo, especialista en estrabismo, preocupado polos máis desfavorecidos e polo mundo que o rodea.






































