A entrega da distinción será o día 9 no MOME
Con motivo do Día da Muller, o vindeiro 8 de marzo, un ano máis, e por sexto consecutivo, o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello da Estrada convocou o seu Premio Honorífico ao Labor da Muller. Esta mañá o xurado do certame reuniuse e decidiu outorgarlle o galardón ás irmáns Torres. A entrega da distinción, unha estatuilla de pedra obra do artista local Vilaverde e que representa unha man dunha fémina da que brota unha semilla, será o día 9 ás 21.00 horas no Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME). A candidatura foi presentada pola Asociación de Veciños Cultural e Deportiva A Sobreira de Callobre.
A traxectoria das irmáns Torres ( Teresa, Carme, Saladina ‘Sali’, Monserrat e Raquel Torres Nogueira de Areas Estrada S.L. ) tanto a persoal como a profesional é moi coñecida e recoñecida na sociedade estradense. Dende moi pequenas fixéronse cargo da empresa familiar de escavacións e subministro de áridos e materiais de construción fundada polos seus pais Remigio Torres e Carme Nogueira. Ademais, son mulleres que aportan asiduamente o seu gran de area, e nunca mellor dito, na actividade social e cultural do municipio e ademais, están moi comprometidas coas causas sociais.
O xurado decantouse por nomealas merecedoras deste galardón porque a súa labor ten unha relevancia fundamental na consecución do empoderamento da muller estradense en particular, e na galega en xeral, porque este recoñecemento pode supoñer un pulo na toma de conciencia de que o ser muller non impide chegar a ser propietaria e xestionar unha empresa con tanto éxito. Ademais, a súa labor promove desta forma a igualdade, onde ningún sector, e máis o profesional, debe definirse por ser propio dun xénero ou doutro, xa que o sector no que traballan, o da construción, tradicionalmente sempre estivo reservado ao xénero masculino.
Este premio organizado polo CIM pretende recoñecer a labor e a traxectoria daquelas mulleres, que de xeito individual ou colectivo ou ben a través de entidades públicas ou privadas, contribuíran ao longo dos anos ao empoderamento da muller, e polo tanto, a conseguir unha sociedade máis igualitaria para o exercicio dos dereitos en igualdade de condicións. Ao mesmo tempo esta distinción servirá de impulso para o recoñecemento da actividade emprendedora levada a cabo por mulleres na Estrada e visibilizar a importancia do papel desenvolvido polas mesmas.






































