A feira dos mércores da Estrada, o evento comercial máis importante de nosa vila, languidece e precisa de cambios para revitalizala. É un feito palpábel que cada mércores costa máis completar os postos e constátase tamén a simple vista unha menor afluencia de persoas, independentemente das condicións climatolóxicas.
Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal a elaborar un plan para revitalizar o mercado dos mércores antes de que sexa demasiado tarde. O noso concello, e en concreto a vila, non pode permitirse o luxo de perder a feira dos mércores, que é un dos motores económicos do comercio e da hostalaría locais.
Neste sentido, desde o BNG da Estrada propoñemos que se flexibilice a instalación dos postos permitindo que os vehículos dos feirantes formen parte do posto de venda, o que non só facilitaría o traballo de carga e descarga dos comerciantes ambulantes, senón que permitiría que estes prestaran outros servizos e facilidades para a compra por parte dos clientes. Este extremo xa está contemplado na ordenanza municipal correspondente, mais comerciantes ambulantes trasladáronnos as dificultades que teñen para instalar os seus vehículos dentro do recinto do Campo da Feira.
Por outra parte, unha maior rotación dos postos permitiría completar aforo, sen deixar espazos baleiros no caso de que determinado comerciante ambulante non instalara o seu posto. Hai que ter en conta que os feirantes pagan por todo o ano o dereito a instalar o seu posto por unha ubicación determinada, se algún falla, queda baleiro dando unha pobre imaxe.
En todo caso, estas son as nosas propostas, contrastadas cos propios comerciantes ambulantes. O ideal é que o goberno municipal se sente a falar co sector e dialoguen para impulsar a feira dos mércores, algo que sen dúbida redundará en beneficio de todas e todos.
A Estrada non é Sada
E xa por último, instamos ao goberno municipal do PP a modificar a ordenanza municipal de venda ambulante, xa que que no artigo 8 fai referencia ao concello de Sada, no canto de ao concello da Estrada. Estas son as consecuencias de copiar e pegar, e demostra ademais, o escaso interese que tiña o PP en 2004, data na que foi aprobada esta ordenanza, pola feira da Estrada.






































