A limpeza é escasa e o ruído habitual nun espazo que se utiliza maioritariamente ao estudo
As usuarias e usuarios da biblioteca municipal non están contentas coa nin coas instalacións nin cos horarios de apertura. Segundo nos manifestaron as instalacións non poden utilizarse para todo: ou son para estudar e ler, para o cal se necesita silencio e tranquilidade, ou son para manter reunións. Mais, coincidindo coas usuarias e usuarios da biblioteca este “todo en un” non é útil para as estudantes, que en moitos casos desprázanse desde o rural, xa que as reunións habituais que hai nas instalacións, molestan e interrompen o estudo, dado o seu aforo reducido e mal aproveitado.
Por outra parte, as usuarias e usuarios, segundo no teñen manifestado ao BNG, tamén se queixan da limpeza do servizos. Un problema que non é único da biblioteca, tal e como temos manifestado en días anteriores polo mal estado do espazo que o concello pensa dedicar á ludoteca. O que está claro é que o goberno municipal ten un problema coa hixiene máis elemental no espazos públicos.
Outra das queixas que manifestan as usuarias e usuarios son os horarios de apertura (de 9:00 a 14:30h e de 16:00 até as 21:30h de luns a venres, e de 10 a 13 horas os sábados). O feito de que se interrompa a apertura da biblioteca de 14.30 a 16 horas é cando incomprensíbel, xa que o lóxico sería que un espazo de estudo como é este abrira ininterrompidamente. Tendo en conta que a biblioteca está atendida por tres persoas, unha mellor organización do traballo en quendas permitiría proporcionar un mellor servizo para as estudantes, que, como dixemos, en moitos casos desprázanse desde o rural, especialmente en datas de exames, onde todas as horas de estudo son poucas. Evidentemente, este reorganización tería que respectar os dereitos das traballadoras e traballadores da biblioteca.
Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno municipal reorganizar e mellorar as instalacións da biblioteca municipal, a empezar, e con urxencia, pola hixiene, algo tan elemental e tan básico que debería sacar as cores aos grupo de goberno do PP.
—






































