O concello da Estrada non concorre ás subvencións para mellor o fondo bibliográfico da biblioteca municipal

O concello da Estrada vén de perder unha nova oportunidade para mellorar o fondo bibliográfico da biblioteca da Estrada ao non presentarse ás subvencións da Xunta de Galiza para as entidades locais galegas. Estas subvencións, cuxa orde publicouse o pasado 22 de novembro, ten como obxectivo incrementar a dotación de novidades editoriais en galego das bibliotecas de públicas integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galiza, unha rede da que non forma parte o concello da Estrada.

Tal e como indica na orde da Consellaría de Cultural, estas subvencións permitirán que as bibliotecas públicas teñan ao dispor dos usuarios e usuarias as últimas novidades editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico.

Non é a primeira vez que o grupo de goberno deixa pasar oportunidades para dotar de mellores servizos o noso concello. Tampouco acode ás subvencións do Plan de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, que servirían para incrementar a seguranza vial dos veciños e veciñas, e tamén deixou pasar a oportunidade de incorporarse ao plan Revitaliza de compostaxe, tamén da entidade provincial.

Mais que o concello da Estrada non acuda ás subvencións para incrementar o fondo bibliográfico de libros na nosa lingua, é todo o síntoma do nulo interese do PP pola cultura en xeral e pola galega en particular.

Desde o BNG da Estrada instamos ao goberno do PP a inscribir a biblioteca da Estrada na Rede de Bibliotecas Públicas de Galiza para que, polo menos, na vindeira convocatoria de subvencións poida participar o concello da Estrada para actualizar e mellorar o fondo bibliográfico.

Se o alcalde non quere o consello do BNG, polo menos que atenda ao consello dun homólogo seu, Enrique Tierno Galván, alcalde de Madrid, que dixo un día que cantos máis libros, máis libres seremos. Non todo é cemento.

— 

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta