As demandas superan as prazas ofertadas en 1 e 2 anos
Tras finalizar o luns o prazo de matriculación na Escola Infantil Municipal da Estrada, a concelleira de Educación, Amalia Goldar, indica que para o vindeiro curso académico 2017/2018 presentáronse 58 solicitudes novas. A lista provisional de admitidos sairá publicada na segunda semana de maio, pero a relacións das solicitudes xa se poden consultar na páxina web do Concello (www.aestrada.gal )
Así para o novo ingreso nesta escola presentáronse 9 solicitudes de bebés, das cales se ofertaban 16; de 1 a 2 anos demándanse 32 prazas, das que só se ofertaban cinco, e de 2 a 3 anos hai 17 novas solicitudes, das cales se ofrecen ata 22. Dos bebés solicitaron todos horario de mañá e dos de 1 e 2 anos pediron 27 de mañá e 5 pola tarde e o resto entre media xornada de tarde e de mañá.
“Agora temos 15 días, a partir de mañá, para reunirnos e baremar, e dado que o Consorcio ten previsto sacar a súa lista provisional o 9 de maio intentaremos nós sacar tamén a da escola para que as persoas que fixeron solicitudes en ambas coñezan se foron admitidas nalgunha e poida formalizar xa matrícula”, indica Goldar.
Este ano na Escola Infantil Municipal presentouse un número menor de solicitudes “supoño que hai xente que por ubicación xa se centra en pedir na do Consorcio ou ben porque, quizais, descoñecía que se podía solicitar nas dúas”, explica a edil. E por esta mesma razón, haberá solicitudes que se duplican.
O problema, tal e como comenta Goldar e que acontece todos os anos, está na matrícula para nenos de 1 e 2 anos. “No caso dos bebés que temos 9 solicitudes e temos 16 prazas, pois na medida en que haxa bebés que teñen tres meses, que é partir desta idade cando se pode facer a matrícula, poderán incorporarse ao longo do curso. Antes era imposible porque estaba todo cuberto”.
O día 24, ás 11.00 horas, no Concello terá lugar unha comisión mixta de baremación do Consorcio Galego na que actuará como representante do Concello Amalia Goldar.






































