A actual ordenanza data de 2004 e compre actualizala para recoller os cambios normativos existentes
O concello da Estrada conta cun Regulamento sobre a venda ambulante aprobado inicialmente polo Pleno o 13 de abril do 2004; mais posteriormente aprobouse a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galiza e a súa posterior modificación do 28 de decembro de 2017, sen que estas modificacións das leis teñan a súa traslación á ordenanza municipal. Isto fai que o actual regulamento co que conta o Concello estea obsoleto, polo que se fai imprescindible actualizalo a nova realidade lexislativa e aos cambios que se teñen producido no sector.
Este regulamento non so ten que ter o obxectivo de ofrecer aos clientes un mellor servizo, senón que tamén ten que permitir a autoorganización dos profesionais que traballan nos lugares onde se leva a cabo esta actividade.
A venda ambulante é un sector que non só se constitúe como unha importante actividade económica en si mesma, senón que tamén ten un importante efecto positivo sobre o comercio local do noso concello, que cada mércores acolle a centos de persoas, veciños e veciñas que acoden á vila a facer as súas compras, mais tamén a vender os seu produtos de horta.
As súas especialidades (diversidade de produtos nun mesmo espazo, prezos económicos, etc.) e a necesidade de potenciar alternativas á cultura predominante das grandes superficies comerciais pechadas e impersoais que van en detrimento do comercio local, fai necesario contar cun regulamento que concilie os intereses do comercio ambulante e do pequeno comercio e que facilite e potencie estas dúas modalidades de venda.
Achegamos audio con intervención de Xosé Magariños, concelleiro do BNG.






































