A actuación para ampliar a Alameda suporá unha inversión de 1,5 millóns de euros financiados con fondos Edusi e propios

O acondicionamento das tres zonas de xogos contará cun presuposto de 240.000 euros do Plan Concellos

 

 

O equipo técnico de Idom, o encargado da redacción do proxecto de execución da reforma e ampliación dos xardíns municipais da Estrada, reuniuse esta mañá co alcalde, José López, e co director de Réxime Interior, Enrique Prieto, tras presentar o proxecto o pasado venres. Agora o Concello terá que levar a cabo os trámites e todos os informes, tanto técnicos como xurídicos, así como a aprobación definitiva para despois poder iniciar a licitación. Antes de aprobalo o goberno local pretende realizar unha comisión informativa, probablemente o luns, para informar e darlle contas aos grupos da oposición. Nesta comisión estará presente parte do equipo técnico redactor do proxecto.

 

“A desta mañá foi unha reunión cos departamentos de Secretaría e de Intervención para determinar os trámites previos para levar a cabo a declaración de intereses, que é o documento que necesitamos para habilitar os fondos necesarios para a licitación desta obra”, explica o alcalde. O rexedor adianta que xa comenzarán a traballar nos pliegos “que serán os primeiros que saían ao amparo da nova lei de contratos, tanto o pliego técnico como o administrativo”.

 

O rexedor informa de que o venres celebrarán unha reunión co persoal técnico do Concello “para pechar os aspectos vinculados ao proxecto” e indica que “a nosa previsión é que o luns poidamos facer unha comisión informativa para trasladarlles aos grupos da oposición os aspectos máis importantes do proxecto e seguramente, contemos con algunhas das persoas que forman parte do equipo redactor do proxecto”.

 

O proxecto estará á disposición no Concello e tamén desde mañá martes na páxina web da Edusi http://aess2020.gal/ Quen o desexe poderá ter acceso ao mesmo podendo consultar os planos, o presuposto, a memoria e visualizar en xeral toda a actuación.

 

A intención do goberno local é neste mes de maio “ ter pechado a parte dos elementos infantís, das tres zonas diferentes de xogo que vai haber”. Esta actuación vai incorporada tamén neste mesmo proxecto da Alameda, pero vaise financiar con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Estamos pendentes de que a Deputación nos resolva a concesión da subvención deses fondos para licitalo tamén”, indica López.

 

Desta maneira, o proxecto vai consistir en dúas partes. Por unha banda, a parte da execución da obra que vai supor unha inversión de 1,510.000 euros, actuación que estará cofinanciada dun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no Marco do Programa Operativo de Crecemento Sustentable (POCS) 2014-2020. Así desta cantidade, dos 1,510.000 euros destinados á execución da obra,  976.000 euros proveñen de fondos Edusi e  534.000 euros de fondos propios.

 

E por outro lado, está a parte de acondicionamento de espazos infantís por unha cantidade de 240.000 euros, cifra que se financiará integramente con fondos do Plan Concellos da Deputación.

 

“Coa comisión queremos explicarlles á oposición de primeira man cal é o proxecto e debater sobre as cuestións e o fondo do proxecto coa idea de intentar aproveitar o mes de maio para continuar coas tramitacións”, apunta o mandatario que indica que “aínda temos que realizar a parte administrativa do proxecto, os informes municipais e a aprobación definitiva e a parte da tramitación para xerar o crédito por parte do Ministerio para que este nos valide a actuación e nos remita o documento DECA (Documento no que se establecen as condicións das axudas) que é o que nos habilita para a creación dos fondos necesarios para a licitación”.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta