López e Dubois reúnense con veciños de Souto para determinar o proceso para a concentración parcelaria

A parroquia de Souto é a única do municipio estradense que non está incluída no proceso de concentración parcelaria, aínda que no seu día se barallara metela dentro da concentración de Arca, pero non se chegara a un acordo por parte do veciños. Por este motivo, e tras unha reunión con veciños hai 15 días, esta mañá o alcalde da Estrada, José López, e o director xeral de Desarrollo Rural, Miguel Pérez Dubois, reuníronse con representantes de diversos lugares desta parroquia para avanzar nesta iniciativa, xa que agora hai unha vontade bastante unánime por parte dos cidadáns, tal e como apunta López.

 

Na actualidade, a lei que fai referencia ás concentracións parcelarias variou coa Lei de Reestruturación Agraria 2015 e debido a isto “as condicións que marca Medio Rural para iniciar os procesos da reestruturación da propiedade son algo máis esixentes, agora ten que haber xunto ao proceso de reestruturación algún proceso produtivo e compromiso dos propios propietarios de poñer en valor a superficie concentrada”, explica o rexedor. Ademais, indica que “hai bastante boa vontade por un número importante de propietarios de poñer en valor de maneira directa ou indirecta unha parte importante dos terreos e tamén hai un interese por parte da gran maioría dos veciños de toda a parroquia porque o que había inicialmente era só por parte dos veciños do lugares de Souto e da Somoza”.

 

O alcalde xa mantivera unha reunión cuns 60 veciños da parroquia hai 15 días e durante ese encontro tamén falaron da posibilidade de crear unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor), que é un dos medios que ten a Administración para poñer en valor a superficie forestal. A Sofor é unha sociedade forestal formada por veciños que aportan os seus terreos para levar a cabo unha xestión conxunta. “Isto pode ser interesante porque máis do 80% da superficie da parroquia de Souto é monte”, apunta o mandatario. Os veciños falan dunha superficie da parcelaria de 1.700 hectáreas e comezarase en breves coa recollida de sinaturas. Será necesario actualizar o estudo de impacto ambiental e topográfico realizado no 2007 e todos as demais análises xa feitas. Tamén, será preciso elaborar un informe municipal para despois levar a cabo os trámites precisos e poder saber se esta concentración entra dentro das que poden ser prioritarias e que se empezarán a mobilizar no 2019.

 

Esta mañá durante o encontro con Dabois “falamos da proposta de poñer en marcha algún proxecto piloto de aproveitamento e posta en valor da superficie forestal da Estrada porque somos un concello no que gran parte da súa superficie está destinada aos usos forestais e todos sabemos que hoxe en día o monte, en vez dun recurso, é un gasto para as administracións, debido aos incendios”, sinala López. Por esta razón, o rexedor considera que “facer unha boa xestión forestal non tería que ser un gasto, senón unha inversión de cara o futuro”. Por iso, o Concello traballará coa Xunta para “intentar exportar desde A Estrada un modelo de xestión forestal sustentable para Galicia, porque creo que reunimos os requisitos e as condicións propias para poder facelo”.

 

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta