O alcalde da Estrada, José López, comunicou esta mañá que a pérgola da Alameda será retirada e reubicada noutro espazo, aínda que non se determinou en cal. Esta decisión tomouse porque non encadra no novo proxecto de ampliación e reformas dos xardíns municipais e mantela distorsionaría a continuidade visual do Consistorio e do palco da música.
Por outro lado, na xunta de goberno, celebrada este mediodía, tal e como apuntou López e Ismael Pena, concelleiro de Deportes, aprobouse a adxudicación do contrato do servizo Campus Deportivo para o 2018. Recaeu na empresa Servicios Integrais de Formación (SIF), que xa estaba ofrecendo este servizo ata agora, por un importe de 23.386, 19 con IVE incluído.
O funcionamento e o servizo, incluídos os custes, do Campus Deportivo non mudarán, agás que non se terá en conta a orde de inscrición coa finalidade de que ninguén quede fóra. Todos os anos ofertábanse 300 prazas entre xullo e agosto.
Tamén na xunta de goberno aprobouse a concesión dunha subvención nominativa por valor de 15.000 euros á Asociación de Comerciantes de A Estrada (ACOE) e outra de 5.000 euros á Asociación Comarcal de Empresarios de A Estrada (ACE).






































