A ESTRADA DA VIDA

O ser humano posúe certa debilidade, ou grande flebeza, polo recoñecemento dos seus semellantes, ese agarimo manifestase de variadas formas. Porén, non hai nada que supere ese agasallo que sorprende tanto que somos incapaces de imaxinalo.

A Estrada da Vida, unha auténtica dádiva que non vai deixar indiferente a ninguén, seguro brincara coa sorpresa deses maxíns de intensidade soñadora e fantasiosa.

Unha obra que abrolla dun fresco pentagrama poético, impregnado de profunda e intensa admiración pola vida e a nai natura, suxestivas composicións para ser musicadas e interpretadas baixo o coruscar de fuxidíos luceiros do amencer.

Manoele de Felisa e Xosé Luna, logran neste traballo conxunto unha inseparable dualidade, forman un binomio ideal do que gurgulla unha insaciable fontela de acordes excelsos e universais con mérito de ondas.

A voz de Manoele acada o máis íntimo, agarimosa emerxe enraizada na mesma terra, nas cousiñas sinxelas e cotiás. O resultado é unha acompasada sonoridade que consegue mergullarnos nunha entropía de sensacións no Aquén, mentres entre brancas sabas feiticeiras nos leva ata o Alén.

O mellor agasallo… esta obra dual de Manoele de Felisa e Xosé Luna, unha alfaia rítmica, para escoitar e gozar dunha fantasía que consegue unha auréola de soños e realidades estimulantes de ilusións que visualizan un pórtico de felicidade. Sons profundos de poemas interpretados pola voz única e sofisticada que repenica identidade ennobrecendo a orixinalidade dun poetizar arraigado á vida.

Vitalidade na intensidade e na fermosura das letras de cada un dos poemas, suxestivos brincan e gozan inmersos na interpretación; luzada, ronsel, belida, pereiriños, pandeirada, fuxidíos, oasis, amorodo, música, amor, aperta, terra…

Terra que acolle neste disco o traballo de dous grandes, magníficos anfitrións para todos eses amigos e amigas que colaboraron nesta Estrada da vida, para facer deste disco anovador e diverso un referente único para amar música, vida, terra e fala de noso.

A ocasión ben o merece, o próximo 11 de maio é a primeira grande oportunidade para arroupar a tan excelsos arquitectos de soños. A cita coa Estrada da vida é ás 21 horas no Teatro Principal da Estrada.

O venres no Teatro Principal da Estrada, deixemos que cante o merlo da vida e gocemos coa poética que abrolla dende o máis íntimo de Xosé Luna e, adquire na voz de Manoele de Felisa ese dogma duns acordes formando o halo estelar desa Estrada da vida, que nos engaiolara a todos e mesmo auguro que será aditiva.

Saúdos ilicinos

Xosé Manuel Lobato

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta