O Concello da Estrada leva a cabo unha serie de obras enfocadas en acondicionar os colexios públicos de cara ao novo curso escolar para recibir aos estudantes.
Xa se remataron obras importantes de reparación e remodelación dos aseos, comezadas antes do remate do pasado curso, nos colexios do Foxo e Figueroa, así como a obra acometida para o acondicionamento da aula multidisciplinar do colexio Cabada Vázquez de Codesela, no que aínda se está a traballar na construción dunha rampla de acceso e así como en traballos de mantemento e pintura. Estas obras están sufragadas pola Consellería de Educación, mentres que o concello aporta a man de obra e materiais de distinta índole.
Por outra banda, lévanse a cabo obras de acondicionamento, reparación e mantemento, sufragadas exclusivamente polo Concello nos colexios Villar Paramá, de Vea, onde se procederá a eliminar o antigo laboratorio, xa obsoleto, para acondicionar a aula ás necesidades do centro; no Pérez Viondi, no que se reparará o muro exterior, actualmente nun estado deteriorado e visiblemente inclinado, o que supón un perigo para os alumnos do centro; e no colexio de Oca cambiáronse en xullo o mobiliario e diferentes compoñentes do comedor que estaban deteriorados, para continuar na actualidade con traballos de pintura e reparacións do valado.
Paralelamente, aproveitarase o peche por vacacións da Escola Infantil Municipal durante o mes de agosto para realizar tamén alí as distintas tarefas de mantemento e pintura que precise o centro. Para rematar, está previsto o desbroce das áreas próximas a todos os centros citados nunhas datas o máis preto posible ao inicio do novo curso, para que dese xeito, as zonas estean o máis despexadas posibles para a chegada dos estudantes.






































