A Sala Abanca da Estrada albergará a partir de mañá a exposición de pintura do artista local Manuel González Vigo ata o vindeiro 15 de agosto. A mostra, de temática costumista e inspirada no rural galego, poderase visitar de luns a domingo en horario de 11.00 a 13.00 h e de 19.00 a 21.00 h.
O autor exporá arredor de trinta obras nas que emprega técnicas mixtas de creación, onde predomina o óleo, pero tamén se encontran traballos de acuarela, carbón e tinta chinesa, segundo informa o pintor.
O artista, que se cualifica a si mesmo como autodidacta, é natural de Santo André de Vea e ten o seu taller de pintura en Callobre, onde concibe as súas creacións. González vencellouse ao mundo da arte hai máis de corenta anos, dende a súa estadía en Barcelona en 1975, onde comezou a súa andaina como pintor.
Despois de vivir en diferentes puntos do país, en Alemaña e en Bélxica e de, segundo afirma o artista, expor as súas obras en distintos centros de exposición de Barcelona e en varias cidades alemás como Dortmund ou Frankfurt, volveu á súa terra, onde segue traballando.
Nos últimos anos expuxo a súa obra nos Liceos de Pontevedra, Ourense e A Coruña, entre outros emprazamentos, e este será o terceiro ano consecutivo no que a Sala Abanca da Estrada acolla unha exposición deste artista local.






































