Bichiños da Conla, The Bichos Jazz Band, Noxo, Losto Kinsky
e Kinkfolks actuarán o venres 10 desde as 20.00 no curro
A entrada será de balde e haberá servizo de bar, paella a
prezos populares e acampada libre na carballeira
A parroquia de Sabucedo vai apostar novamente
pola música variada e potente cun espectáculo para todos os públicos na terceira
edición do AloitaFest, un certame organizado desde 2016 na noite de vésperas das
festas de San Lourenzo –patrón da parroquia– pola Asociación A Rapa das Bestas e o
colectivo cultural Barrakallazo, actualmente en fase de constitución.
O festival, con entrada de balde, comezará ás 20.00 horas do venres 10 de agosto no
curro novo coa actuación de Bichiños da Conla, grupo formado polos rapaces de
Sabucedo que interpretarán cancións populares e temas coñecidos da música galega.
Ademais, sobre o escenario tamén estarán The Bichos Jazz Band, que iniciou a súa
andaina no AloitaFest de 2017 e que, con importante presenza de músicos da
parroquia, presentará un repertorio con música dixie dos anos vinte, klezmer, swing ou
blues misturada con solos e improvisacións.
O punk-rock correrá da man de Noxo, un grupo da Estrada formado en 2014 baixo o
nome de Pinflois e que actualmente caracterízase pola harmónica axitación musical.
Tamén haberá presenza local en Kinkfolks, unha banda de bluegrass na que participa
Manuel García, moi vencellado a Sabucedo, e que animará ao baile dos asistentes cos
seus sons.
Finalmente, o curro tamén contará coa presenza de Losto Kinsky, un proxecto de
cinco apaixoados da música que, procedentes de estilos moi diversos, optaron polo
rock en galego para versionear temas míticos de todas as épocas.
O III AloitaFest, que renova este ano por completo a relación de grupos participantes
para seguir apostando polo seu crecemento paseniño e a súa consolidación no circuíto
de festivais musicais de Galicia, será presentado esta mesma tarde polos membros da
organización no propio curro.
Javi García | Voceiro da Asociación cultural Barrakallazo | 622 173 827
O certame, que ofrecerá a posibilidade de acampada gratuíta na Carballeira de Campo
do Medio ao público asistente, contará como aperitivo cunha sesión vermú o propio
venres 10 desde as 13.00 horas diante do teleclube de Sabucedo. Ademais, a xornada
completarase cunha demostración de fútbol gaélico durante a tarde a cargo de
xogadores e adestradores do Irmandinhos A Estrada, clube embaixador da Rapa das
Bestas de Sabucedo.
Finalmente, cómpre sinalar que haberá servizo de bar e ofreceranse racións de paella
a todos os asistentes a prezos populares.






































