Tras chegar a oídos do Concello que algúns veciños avistaran ratas na Avenida de Benito Vigo, trasladouse a queixa á empresa de ratización contratada para que prestase especial atención a esa zona. Non obstante, o alcalde en funcións da Estrada, Juan Constenla, afirmou hoxe que non se trata dunha situación alarmante.
O Concello traballa habitualmente coa empresa de control de pragas Tragal, que semanalmente leva a cabo traballos de mantemento, prevención e control para conter a poboación destes roedores. O método a seguir para a contención é sinxelo e eficaz; colócanse veleno e trampas en diferentes puntos da rede de saneamento, e alí onde as alimañas comen o veleno é onde se localizan os focos de proliferación que requiren dun tratamento máis intenso.
Cando os veciños ou o persoal municipal advirten de un incremento poboacional de estes roedores nunha zona determinada, pásaselles o aviso á empresa para que incremente as accións neses puntos, explicou Constenla, que á vez indicou que onde máis se nota a súa presencia é onde hai comida; onde teñen alimento.






































