A exposición de arte hiperrealista permanecerá na Estrada ata o 31 de agosto

A Sala Abanca da Estrada alberga unha exposición de arte hiperrealista da pintora María Jesús Ruiz Villar, que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de agosto. A mostra, composta por óleos de temática étnica, paisaxística e con temas oníricos, poderase visitar de luns a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas.

Á artista, natural do Bierzo e autodidacta, córrelle a pintura pola sangue. Cun pai que tamén pintaba, tanto no mundo da automoción ao que se adicaba, como nos lenzos, Ruiz Villar comezou a pintar dende cativa; “no colexio gustábame pintar e colorear, pero non me gustaban os motivos que aparecían sós e sempre lles engadía fondos e máis elementos”.

Afirma que naceu co don de expresar, en algo que está baleiro, unha visión do mundo; das persoas, fauna, flora e paisaxes e que sempre posuíu un bo dominio do color, enfoque, aproveitamento do espazo e composición. Asegura tamén que se centra especialmente en conferir espiritualidade ás súas obras para que o espectador poda atopar nelas algo que capture a súa atención.

Con unha dilatada carreira que conta con máis de 2.000 obras e tras expor algunhas a nivel internacional, en Gante e Miami, e a nivel nacional, en Cataluña, Madrid, Valencia, a zona do Bierzo e Galicia, estase centrando actualmente en retratar unha selección de máis de 200 plantas medicinais diferentes.

Foi despois de sufrir un accidente cando comezou a desenvolver a actividade pictórica de forma máis intensa, e a pesar de que non puido estudar Belas Artes, continuou perfeccionando a técnica a base de tesón e constancia ata chegar a dominar a técnica da pintura hiperrealista mostrada nos lenzos que estes días penduran das paredes da Sala Abanca da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta