Os socialistas pediron unha reunión coa concelleira responsable para plantexar as dúbidas que lle trasladan algunhas familias.
É necesario analizar a nova situación derivada da convivencia de dúas escolas infantíns públicas, xestionadas por administracións distintas: Concello – Xunta.
Os socialistas pediron unha reunión con Amalia Goldar, concelleira de Servizos Sociais e Educación, para aclarar as dúbidas que lles trasladan familias usuarias das escolas infantís do Concello.
“A unha semana do inicio do curso algunhas familias usuarias da nova escola infantil da Estrada téñennos manifestado as súas inquedanzas polo estado actual da nova gardería. A Concelleira responsable debe aclarar cales serán as datas que se manexan para o inicio do curso na nova escola infantil, en que estado se atopan as instalacións, se xa pasaron todos os controis de prevención de riscos e seguridade e se xa contan co mobiliario necesario para o desenvolvemento do curso”
Ademais consideramos necesario analizar a nova situación derivada da convivencia de dúas escolas infantís públicas con xestión por entidades administrativas distintas. “As duplicidades vistas no proceso de matrícula, os diferentes horarios, as responsabilidades derivadas da aportación económica municipal á Xunta pola nova escola da rede Galiña Azul ou a licitación pendente na Escola Municipal son asuntos que deben ser aclarados e sobre os que o Concello debe tomar decisións ao respecto”.






































