AVISO IMPORTANTE
O vindeiro domingo 2 de setembro, das 7:00 ás 13:00 horas, está previsto un corte no subministro eléctrico en distintos puntos do municipio estradense por motivos de mantemento, segundo informou ao Concello a compañía Unión Fenosa.
No comunicado remitido ao Concello advirten de que procederán a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións que poderán provocar interrupcións no subministro de electricidade durante o intervalo de tempo indicado.
As instalacións sobre as que se vai traballar afectarán a diferentes lugares das parroquias de Curantes, Lamas, Olives, Pardemarín, Parada e Rubín. Os puntos máis concretos de cada parroquia serán Esmorís, Pousada, Abelleira, Fontecova, Riamonde, Sanlouzáns, Sequeiros, Brea, Golfariz, Mesadoiro, Piñeiro, Balseiros, Barro, Birbigueira, Pazos e Veiga de Braña.
A compañía eléctrica cerra o comunicado pedindo desculpas polas posibles molestias ocasionadas e facilita o número de teléfono 900 333 999, a través do que se encargarán de resolver calquera dúbida ao respecto desta intervención.






































