A II Andaina Solidaria co Alzhéimer terá dous percorridos

O Concello da Estrada presentou hoxe a II Andaina Solidaria co Alzhéimer que terá lugar a partir das 19:00 horas do vindeiro 15 de setembro. Baixo o lema “os camiños da memoria”, contará con dous percorridos; un de catro e outro de nove quilómetros.

A camiñada tivo unha boa acollida o pasado ano, con preto de 200 persoas participantes, segundo indicou a alcaldesa en funcións, Amalia Goldar, que aproveitou a ocasión para sinalar que o percorrido segue camiños case descoñecidos e que non todo o mundo sabe que forman parte da Estrada e animou á veciñanza a inscribirse na andaina que partirá da Praza do Concello na data sinalada.

Para continuar, deulle paso á presidenta da Asociación Galega para Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), Isabel Gey, que fixo fincapé dende o primeiro momento na necesidade de  dar visibilidade e apoiar tanto ás persoas que sofren a enfermidade, que están preto de chegar ás 100.000 persoas con demencia en Galicia, como aos seus coidadores.

Gey insistiu na importancia de emitir un diagnóstico precoz para poder actuar contra o avance da enfermidade a través de diversas terapias como a de estimulación cognitiva, que se poñen en práctica dende a asociación. Seguindo estas pautas traballan en labores de diagnóstico precoz no casco urbano, en Arnois e en Oca.

Tamén lembrou que a asociación imparte un curso gratuíto para coidadores validado pola Fundación Pascual Maragall distribuido en catorce sesións de hora e media cada unha e cunha periodicidade quincenal.Para finalizar a súa intervención, a presidenta de AGADEA sinalou a falla que fai a apertura do Centro de Día na localidade posto que, insistiu, “existe unha demanda moi grande dese servizo”.

A traballadora social de AGADEA, Sonia Castro, engadiu que con esta iniciativa se persegue conseguir unha marea verde que serva para visibilizar a enfermidade do alzhéimer e invitou aos veciños da comarca a participar na andaina, que estará amenizada coa colaboración do grupo folk Regatos e na que se sortearán lotes de produtos doados polos comerciantes locales.

Castro indicou ademais que a inscrición, aberta ata o día 12 de setembro, ten un custo de 2 euros en concepto de aportación solidaria e pódese facer nas dependencias da asociación, no primeiro andar do Novo Mercado; na páxina web da asociación, www.agadea.org e a través de whatsapp, no número de teléfono 647589725.

Para finalizar, o representante da empresa Senderruta, encargada de deseñar o trazado da andaina, Toni Ibáñez, explicou que se trata dun percorrido sinxelo, apto para calquera condición física, pero que unha parte se fará de noite, polo que é recomendable levar unha lanterna ademais de roupa cómoda e preferiblemente pantalóns largos para evitar rabuñaduras.

A duración estimada da ruta é aproximadamente de tres horas, con saída dende a Praza do Concello e pasando por Penerada, baixar polos muíños de Ouzande e pasar pola Torre de Guimarei no que será unha ruta de entre 8 ou 9 quilómetros, rematou Ibáñez.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta