A empresa Copcisa converteuse na proposta como adxudicataria provisional de entre as que optaban a facerse co contrato de reforma dos xardíns da Estrada, segundo informou esta mañá o alcalde da localidade, José López Campos. A empresa conta agora con dez días de prazo no que presentar a documentación administrativa que lle permita firmar o contrato.
A oferta presentada por esta situouse nos 1.142.013 euros; 368.000 euros por debaixo do presupostado polo Concello para a intervención, que situaba en 1.510.000 euros. Ademais, engadiu 13 anos ao período de garantía solicitado dende o Consistorio. O prazo de execución, por outra banda, mantense sen cambios en 6 meses.
A reforma da Alameda comprende a parte de obra, na que se cambiarán os xardíns, a praza e se levará a cabo a ampliación do recinto, que acadará unha extensión de 2.400 metros cadrados de praza pública, e por outra banda a reforma tecnolóxica, coa instalación duns sistemas de rego e iluminación intelixentes.
Esta oferta resultou a máis vantaxosa das presentadas e, ao non incorrer a empresa en baixa temeraria, converteuse na proposta elixida polo Concello. Hoxe comunicaráselle á empresa a decisión e unha vez que entregue a documentación administrativa darase paso á firma do contrato, segundo explicou o alcalde, que conta con poder acelerar os prazos o máximo posible para poder empezar coas obras canto antes.
O mesmo ocorre no caso da Avenida de Fernando Conde, unha “obra grande” da que o rexedor indicou que se adxudicará en breve.






































