Pontón pide medidas para a produción de madeira de calidade en Galiza e iniciativas públicas de apoio para dinamizar o sector do moble
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón instou a Xunta a impulsar unha estratexia pola innovación cunha Unidade pública de I+D+i coordinada co sector do moble co fin de promover proxectos de optimización da produción apostando pola investigación, novos modelos, materiais e acabados e deseños de vangarda.
Pontón visitou a Feira do Moble que se celebra en A Estrada onde reclamou a variante para facilitar unha saída natural á grande produción do moble a través do porto de Vilagarcía, infraestrutura, dixo, que impulsaría, en grande medida, a dinamización de empresas e o sector.
Acompañada dos responsables locais e comarcais e polo candidato á alcaldía da Estrada, Xosé Magariños, a portavoz nacionalista reiterou o apoio do BNG ao sector do moble e a feira da que dixo, “é o escaparate da grande potencialidade e capacidade deste sector que conta, despois de tantos anos, cunha grande proxección na Estrada pero tamén en toda Galiza”. Neste sentido, reiterou a necesidade dunha aposta real pola innovación para situar o sector en novas tendencias como a modalidade de “Contratc cun novo perfil de clientes e unha nova forma de abordar o negocio”.
Pontón explicou que na actualidade as empresas buscan “un servizo integral e adaptado” e na Estrada existen moitos exemplos de como o sector busca colocarse “na modernidade” pero tamén temos debilidades como “a escasa madeira de calidade producida en Galiza” que nos obriga a importar a maior parte para a produción propia xa que “só o 8% da madeira galega talada é aproveitada para a transformación”. Para a portavoz do BNG, esta circunstancia incide negativamente na creación de emprego e no valor engadido e anunciou que o BNG proporá á Xunta unha aposta estratéxica polas madeiras de calidade como o castiñeiro, carballo, cerdeiras e todas aquelas que se utilizan para a produción de mobles. A Xunta, dixo, debe ofrecer “un maior apoio ao sector” e implicarse coa innovación para mellorar a súa produtividade. Para isto, recalcou, é necesaria unha sinerxía entre “a administración pública e tecido empresarial para conseguir que Galiza ocupe un importante lugar na vangarda da produción de mobles de calidade”.
CIDADE DO MOBLE E VARIANTE DA ESTRADA
Pontón lembrou que no período no que o BNG tivo responsabilidades de goberno impulsou o proxecto da Cidade do Moble, proxecto que o Partido popular pechou nos caixóns de San Caetano. As empresas e sector do moble precisan que a Cidade do Moble se active para dimensionar os diferentes ámbitos pero esta iniciativa debe ir acompañada “dunha mellora nas comunicacións”. Para a portavoz do BNG “a variante da Estrada é unha urxencia” para un sector que precisa de boas comunicacións co fin de facilitar unha “saída á produción”. O porto de Vilagarcía, dixo Pontón é “a saída natural” para este cometido e contribuiría a unha maior competitividade das empresas e dun sector que resulta estratéxico.”
Durante a súa visita á Feira do Moble, a portavoz do BNG mantivo diversos encontros con expositores e expositoras de diferentes empresas e proxectos que lle trasladaron as súas demandas e a necesidade de poñer en marcha medidas para unha maior proxección e dinamización do sector.






































