A innovación nos acabados e revestimentos, protagonista no cuarto día da Feira do Moble

• Docentes do proxecto Erasmus+ FUTUREfacing acudirán a vindeira
semana a Estonia tras presentar os avances na feira da Estrada
• O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballeiro percorrerá o recinto mañá
a partires das 12.00 horas

 

O innovador proxecto Erasmus+ FUTUREfacing,
centrado na innovación nos acabados e revestimentos que se empregan na
fabricación de mobles, foi un dos protagonistas centrais desta cuarta xornada
da 32ª Feira do Moble de Galicia, na que o recinto feiral da Estrada
incrementou notablemente a afluencia de visitantes rexistrada nos días
anteriores.
A xefa do Servizo de Orientación Profesional e Relación con Empresas da
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ana Alzate, e a
técnica do CIS Madeira, Montserrat Rodríguez, foron as encargadas de explicar
os avances rexistrados neste proxecto xurdido en 2017 e que integra aos
seguintes socios: os centros tecnolóxicos CIS Madeira e CIS Galicia; a
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa;
as empresas Finsa e Ilva; o centro educativo Rakvere Ametikool, de Estonia; e
a asociación británica de fabricantes de acabados «British Coating Federation»
(BCF).

Montserrat Rodríguez precisou que «o obxectivo do proxecto é transmitirlle aos
alumnos información actualizada sobre os acabados e revestimentos dos
mobles porque eses alumnos serán logo os vehículos que levarán a innovación
ás empresas cando se incorporen ao mercado laboral». Para iso, as distintas
partes implicadas no proxecto están a traballar en tres liñas: a creación dun
manual para que o alumnado e o profesorado dispoña de información
actualizada; un simulador virtual de vernizado, que se está a exhibir na Feira do
Moble e que ten como misión facilitar a aprendizaxe dos alumnos á hora de
realizar este labor; e unha base de datos de produtos empregados nos
acabados e revestimentos, que será pública e que permitirá consultar a través
de internet un listado de distintos fabricantes.
Produtos axeitados para a docencia
Pola súa parte, Ana Alzate explicou que «o papel da Consellería céntrase en
coordinar a participación do profesorado que está a validar que os produtos
que se elaboran neste proxecto sexan axeitados para a docencia e estean
adaptados ás necesidades do alumnado».
«A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten unha
ampla experiencia na participación de proxectos europeos non só deste tipo de
innovación, senón tamén en proxectos de mobilidade, tanto do alumnado como
do profesorado e dos recén titulados. Por iso este proxecto encaixa na liña de
apostar por unha Formación Profesional de calidade, baseada na
internacionalización e na innovación, camiñando sempre a carón das
empresas, para que cumpra as necesidades dos sectores produtivos. Isto
tradúcese nunha Formación Profesional cun alto nivel de inserción laboral»,
asegurou Ana Alzate, antes de destacar «o papel que ten a F.P. Dual, que coa
incorporación este ano de 39 ciclos, está a camiñar ao lado das empresas».
Pola súa parte, o estradense Xosé Magariños, mestre participante na parte
pedagóxica do proxecto, lembrou que «esta iniciativa naceu dunha necesidade
dos docentes de contar con material actualizado no ámbito do acabado e do
revestimento do mobiliario, xa que non existía ningún material didáctico». Ao
respecto, avanzou que, tras presentar o estado do proxecto na Feira do Moble,
a vindeira semana un grupo de mestres galegos viaxará ata Estonia para
reunirse cos profesores estonios do Rakvere Ametikool ao fin de avaliar tanto
os avances no manual como no simulador.
Ademais desta presentación, na xornada de hoxe tamén destacou a visita
realizada á Feira do Moble polos moteiros participantes na primeira ruta A
Estrada Trail, así como a actividade do circuíto infantil de seguridade vial,
instalado a carón do pavillón 2 por xentileza de Reale Seguros A Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta