O alcalde da Estrada, José López Campos, amosou hoxe a súa preocupación pola actividade nocturna que se desenvolveu o pasado sábado na zona dos xardíns da Alameda e que obrigou a mobilizar, o domingo pola mañá, a seis operarios de limpeza para desfacerse dos restos do “botellón”.
López lembrou que xa se realizaran campañas informativas nas que se lles pedía, aos mozos e mozas que beben na rúa, a recollida do lixo xerado e aclarou que se vai proceder a organizar unha nova campaña informativa por parte da Policía Local na que se lles lembre a importancia da convivencia e o civismo.
O alcalde apuntou que hai que desfrutar do ocio nocturno, pero dende un prisma de convivencia que actualmente non se está respectando. A raíz deste último fin de semana recibíronse queixas por parte de veciños da Rúa Iryda, nas que se denunciaba que algúns destes mozos chegaban incluso a facer as súas necesidades nos portais.
Ademais, os traballadores municipais recolleron cristais rotos no areeiro, de xeito que esta práctica de beber na rúa chega a supor un perigo para os nenos que xogan despois nesas mesmas instalacións.
Por outra banda, o rexedor local lembrou que co inicio da obra de reforma dos xardíns a zona vai estar limitada e tras ela, o mantemento e conservación do espazo será cousa de todos.






































