Despois dunha primeira función na Mostra de Teatro de Orazo realizada a finais do mes de setembro, a nova xira do Teleclub da Comedia, organizada polo Departamento de Cultura do Concello da Estrada, bota a andar este vindeiro domingo na parroquia de Santeles co espectáculo Xenitais, de Chelo do Rejo e Chus Picallo.
Deste xeito, este ciclo inaugurado no segundo semestre do ano 2011, celebra a súa décimo cuarta edición retomando os obxectivos cos que naceu; os de descentralizar a programación cultural da vila, poñer en valor as casas escola que están espalladas polo rural estradense e xerar xornadas de convivencia veciñal.
Fóra disto, o Teleclub da Comedia tamén serve para medir diante do público a artistas e compañías estradenses, dándolles a oportunidade de presentar os seus espectáculos en sociedade.
Desta volta, os artistas e agrupacións seleccionados son os seguintes: O Mago Toño e Manolo do Atlético, Teatro da Zarabándula, Disfunción Continua, O Padre Xiao e o Padre Merino, Pablo Chichas e Miguel Guido, Isi, As Lerchas e os narradores orais Celso Sanmartín e Lois Pérez.
A xeito anecdótico, nesta xira incorpórase por vez primeira Arnois ao amplo abano de parroquias seleccionadas e vólvese programar unha función na Residencia de Maiores da 3ª Idade da Estrada.
Sinalar tamén que a xira volverá rematar cunha gala de nadal no Teatro Principal, que terá lugar o 27 de decembro, e na que se volverá contar co acompañamento musical do Trío Carlos Barruso Jazz Band.
Comentarvos, por último, que tanto este ciclo como os do Outono no Principal, contan tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través das subvencións do Plan Concellos 2018.
A continuación, enumeramos os distintos eventos programados:
XIV XIRA DO TELECLUB DA COMEDIA
| DATA | ARTISTA / COMPAÑÍA | LUGAR |
| 21/09 | Disfunción Continua | Orazo |
| 14/10 | Teatro da Zarabándula | Santeles |
| 20/10 | As Lerchas | Residencia 3ª Idade |
| 27/10 | As Lerchas | San Xurxo de Vea |
| 03/11 | Pablo Chichas e Miguel Guido | San Miguel de Castro |
| 10/11 | O Mago Toño e Manolo do Atlético | Oca |
| 10/11 | Isi | Curantes |
| 17/11 | Padre Merino e Padre Xiao | Riobó |
| 23/11 | Lois Pérez | A Estrada |
| 24/11 | Celso Sanmartín | Couso |
| 01/12 | Pablo Chichas e Miguel Guido | Moreira |
| 07/12 | O Mago Toño e Manolo do Atlético | Vinseiro |
| 15/12 | Padre Merino e Padre Xiao | Arnois |
| 27/12 | Gala de Nadal | Teatro Principal |
Colabora Deputación de Pontevedra e Concello A Estrada






































