A Estrada acollerá a partir do venres unha concentración organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas na que os propietarios se instalarán cos seus vehículos na Praza da Feira dende o venres 19 ata o domingo 21 de outubro, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos.
As caravanas contan con permiso para instalarse tanto na parte habilitada para a circulación da praza como na carballeira e onte pediron, ademais, espazo nas marxes da rúa 25 de Xullo para albergar máis vehículos nun evento que congrega en cada convocatoria arredor de 200 autocaravanas.
Entre as actividades programadas para os participantes atópase unha visita ao Pazo de Oca, organizada polo Concello, e a algún lagar onde podan degustar a sidra local.






































