O Novo Mercado é para vender produtos de horta local e de calidade, non pode ser un caixón de xastre

Os veciños e veciñas que producen alimentos como os que os consumen deben ser a prioridade do goberno municipal á hora de encher de contido a praza de abastos

Desde a inauguración do Novo Mercado en 2015 este edificio tense convertido para o goberno do PP, mais tamén para outros partidos da oposición, no edificio comodín onde meter de todo, o que demostra que non hai un proxecto claro para este edificio, cuxa reforma tivo un custe de máis de 1.300.000 euros, melloras a parte, que se acometeron posteriormente á inauguración en marzo de 2015.

Temos que recordar, que a parte da praza de abastos, o Novo Mercado acolle o espazo concilia para nenos e nenas, o centro de axuda ás persoas con alzheimer que xestiona AGADEA e proximamente o mini-centro de día ideado polo grupo de goberno.  No BNG non cuestionamos a prestación destes servizos, ao contrario, deberían estar ubicados en espazos acordes ás necesidades de cada un deles, que son moitas, especialmente do centro de día.

Desde o BNG vemos con preocupación que o Novo Mercado se estea a converter nun caixón de xastre de cousas, no comodín do goberno do PP e de parte da oposición, onde ubicar servizos e ocorrencias de todo tipo, deixando á marxe o fundamental: a praza das bastos.

Para o BNG, e sempre o dixemos, a función principal do Novo Mercado é a de ser o punto de referencia principal para a compa-venda de produción de produtos frescos e ecolóxicos. Ten que ser o espazo onde veciños e veciñas poidan mercar e vender de primeira man produción de horta local,  directamente de produtor/a a consumidor/a, sen intermediarios, produtos ecolóxicos, que redunden nunha alimentación san e de calidade. 

Os veciños e veciñas que producen alimentos como os que os consumen deben ser a prioridade do goberno municipal á hora de encher de contido a praza de abastos, que é xusto o contrario que está facendo o PP e parte da oposición. Sermos soberanos á hora de alimentarnos é a clave para, non só para revitalizar o rural e axudar ás persoas que queren vivir de producir alimentos, senón para termos unha alimentación san, de calidade e ecolóxica, producida a poucos quilómetros de distancia, non a miles como é habitual.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta