O BNG insta a PSOE e Móvete a abandonar o EDUSI para non ser cómplices do engano do PP

No EDUSI a única participación que hai é a dunha consultora que fai o agosto na Estrada presentando uns proxectos que no se adaptan ás nosas necesidades e prioridades.

Vai facer un ano que desde o BNG anunciabamos o abandono das mesas e foros de xestión do EDUSI por falta de transparencia e por ser un proxecto que o PP e a consultora Idom manexan ao seu antollo, ignorando a participación social, que en teoría ten que basearse este proxecto.

No seu día presentamos unha longa lista de propostas para mellorar o noso concello. Todas elas, non só foron ignoradas, senón que non chegaron a discutirse en ningún dos foros dos que até novembro de 2017 participamos activamente. Por outra parte, tamén se presentaron outras propostas que en ningún caso puidemos discutir ou poñer en cuestión no seo do EDUSI, como é a conveniencia de gastar unha parte importe dos máis de 5 millóns de euros na reforma da Alameda, proxecto estrela deste goberno, que xa criticamos en reiteradas ocasións.

O concello da Estrada ten prioridades máis importantes que afrontar agora mesmo, como as citadas anteriormente, mais o PP aposta polas obras faraónicas e innecesarias neste intre, fronte ás necesidades perentorias que teñen os veciños e veciñas da Estrada, e moitas delas non necesitan un gran desembolso de cartos públicos.

Doce meses máis tarde vemos como a nosa análise foi acertada. O PSOE, que até día de hoxe, xunto con Móvete, aínda teñen presenza nos foros de xestión do EDUSI, tamén se suma ás críticas que fixemos no seu día. Desde o BNG instamos a ambas forzas políticas a non ser cómplices deste engano do PP e desta tomadura de pelo a todos os veciños e veciñas, así como a colectivos sociais de todo tipo. No EDUSI a única participación que hai é a dunha consultora que fai o agosto na Estrada presentando uns proxectos que no se adaptan ás nosas necesidades e prioridades.


BNG da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta