Entrega dos premios San Martiño de normalización lingüística o vindeiro martes

O Concello da Estrada celebrará a entrega dos premios San Martiño de normalización lingüística o vindeiro martes ás 20:30 horas no Teatro Principal. A lectura da acta antecederá á entrega dos premios e para clausurar o acto, a agrupación musical Texequetéldere actuará ante os asistentes.

Os galardóns entréganse en recoñecemento a tres categorías: A Estrada e comarca de Terra de Montes, Galicia enteira e Toda unha vida. A primeira destas, que premia a difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes recoñecerá o labor do poeta estradense Manuel Pereira Valcárcel, que recibe o galardón pola súa extensa traxectoria literaria e  expresión poética en lingua galega.

O premio á normalización lingüística no ámbito galego outorgarase a Uxía, unha cantante  renovadora da música tradicional galega, con máis de 30 anos de experiencia e comprometida coa realidade social e cultural do país.

Xosé Manuel Lema Suárez, catedrático de Xeografía e Historia e etnógrafo recibirá o recoñecemento á normalización durante toda unha vida, na que xa foi galardoado en diversas ocasións. Recibiu como investigador os premios Pedrón de Ouro de Etnografía en 1976 e o Antón Losada Diéguez de Investigación en 1994, o premio xornalístico Reimóndez Portela en 2010 e o premio extraordinario de doutoramento da Universidade de Santiago 1990-1991.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta