Xosé Magariños denuncia que a Xunta está a colocar vallas que non teñen a debida protección para motoristas e insta a eliminar os eucaliptos das marxes que poñen intransitábel a estrada nos días de temporal
A Xunta de Galiza, titular da estrada PO-2014 entre Baloira e Pontecesures, está a instalar vallas quitamedos ao longo de todo o traxecto. O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, considera que “este xeito de traballar é unha chapuza por dous motivos”. “En primeiro lugar”, engade, “non ten sentido colocar vallas quitamedos sen antes eliminar os enormes eucaliptos que hai nas marxes desta estrada, especialmente no Alto do Chedón”.
“Estas árbores”, explica o concelleiro do BNG, “son un perigo pola cantidade de pólas que tiran á estrada durante os temporais, un feito que xa temos denunciado hai xa máis dun ano, e mesmo a Xunta de Galiza estudou en 2014 eliminar estas árbores, mais a día de hoxe aí seguen 4 anos despois, causando problemas as veciñas e veciños de Santa Mariña que teñen que utilizar a diario esa estrada”.
“Ademais”, engade Magariños, “todas as vallas que colocou a Xunta de Galiza -e foron moitos quilómetros- non teñen a debida protección paras motoristas”. “A día de hoxe todas as estradas deberían contemplar a estas proteccións para evitar graves lesións ás persoas que utilicen este tipo de vehículos, especialmente nunha estrada chea de curvas como é a PO-214 que une Baloira e Pontecesures”, explicou o concelleiro nacionalista.
“Por outra parte”, indicou Xosé Magariños, “tendo en conta que esta estrada é a única comunicación que ten A Estrada coa autovía da Barbanza, sería oportuno que o goberno municipal do PP fixera as xestións oportunas, non só para que a Xunta coloque unhas vallas menos agresivas cos motoristas e para que eliminen os eucaliptos, senón que é hora de que termos unhas comunicacións á altura das nosas necesidades”. “Por iso pedimos”, explicou o concelleiro do BNG, “que o alcalde se mova para mellorar o trazado, empezando polo perigoso cruce de Baloira, a capa de rodadura, colocar arcéns, … en definitiva termos unha PO-214 do século XXI e non unha corredoira pola que pasan a diario centos de vehículos e camións”.
—






































