Xosé Magariños: “Levamos anos denunciando o mal funcionamento das depuradoras, alegrámonos que por fin Augas de Galicia dea un tirón de orellas ao goberno municipal”
O concelleiro nacionalista recordou que “xa antes do verán levamos ao rexistro do concello auga contaminada que se vertía aos ríos e regatos directamente dos distintos sistema que teoricamente depuraban as augas residuais”. “Iso sen mencionar”, engadiu Magariños, “as veces que denunciamos publicamente o mal funcionamento da EDAR ou dos sumidoiros, convertidos nun auténtico pozo negro de contaminación insalubre”.
Para o concelleiro do BNG, “este tirón de orellas é o recoñecemento público de que o BNG tiña razón cando alerta da situación dos sistema de depuración, e agardamos que o alcalde tome deste toque de atención e acometa con urxencia as melloras necesarias para que o sistema de depuración do concello funcione correctamente”.
“Por outra parte”, indicou o concelleiro nacionalista, “insistimos unha vez máis de que é prioritario que o goberno municipal acometa con urxencia o saneamento integral de todo o rural”. “É unha necesidade e un clamor dos veciños e veciñas que viven no rural”, afirmou Xosé Magariños, “isto si é unha prioridade, non gastar tres millóns na ampliación dunha nova Alameda”. “Os gobernos teñen que atender as prioridades das persoas, e o saneamento do rural é o primeiro”, explicou o concelleiro do BNG.






































