O BNG presenta o primeiro tramo da candidatura das municipais preparado para frear o declive socio-económico da Estrada

 O BNG é a primeira organización política en presentar o primeiro tramo da candidatura ás eleccións municipais de 2019. A lista aprobada por unanimidade na asemblea celebrada o pasado sábado día 15 de decembro, estará encabezada por Xosé Magariños Maceiras, actual concelleiro da formación nacionalista; Magariños é da Estrada, traballa de profesor de ensino secundario en Santiago de Compostela, e ten 50 anos. De número dous irá Susana Camba Castro, ten 45 anos, vive en Aguións,  traballa no 112 e forma parte da Executiva Nacional do BNG desde 2017. De número tres o BNG presenta a Xosé Manuel Nogueira Rodríguez, natural de Remesar, vive na actualidade en Figueiroa, ten 43 anos, é mestre e foi presidente da asociación Mar de Compostela; na actualidade forma parte da executiva nacional da CIG Ensino e participa activamente no asociacionismo cultural. De número catro, María Xesús Balo Becerra, vive na Estrada, ten 43 anos, é sindicalista da CIG. E de número cinco, Víctor Pousada López, é natural de Matalobos, ten 37 anos e traballa na Estrada na distribución alimentaria.

Segundo explicou o responsábel local, Constantino Regueira, “este primeiro tramo da candidatura, así como as demais persoas que conformarán a lista coa que o BNG concorrerá ás eleccións municipais de 2019, foi elaborado polo consello local logo de varias reunións e contactos feitos desde hai xa algúns meses, que cristalizou nun primeiro tramo homoxéneo, de persoas comprometidas coa organización, mais tamén cos diversos campos e sectores nos que traballan profesionalmente ou no seu tempo libre”.

“A candidatura que presenta o BNG,” engadiu, “que completaremos nos primeiros meses de 2019, está preparada para darlle solución aos problemas da Estrada real, fronte ao desleixo e pasotismo que está a demostrar o PP nos anos que leva gobernando”.

Pola súa parte, o cabeza de lista do BNG ás municipais de 2019, Xosé Magariños, explicou que “o BNG está a traballar nun programa electoral, que nos atrevemos a dicir que será revolucionario”. “Ao longo das reunións e contactos que mantivemos para elaborar esta candidatura”, engadiu Magariños, “o comentario recorrentes que aflorarou en todas as conversas foi do declive económico e social que padece o noso concello.” 

“O peche dos comercios non é casual”, afirmou Magariños, “como tampouco o é que levamos 20 anos con saldo vexetativo negativo, é dicir, que hai máis mortes que nacementos, perdemos poboación, estamos a piques de baixar dos 20.000 habitantes, se é que non o fixemos xa, este declive socio económico ten a ver coas políticas do PP”.

O candidato á alcaldía do BNG, Xosé Magariños chama a non resignarse, “nós non tiramos a toalla, temos un concello con enormes potencialidades no agro, no turismo, na industria da madeira… e se A Estrada está en declive é porque non temos un goberno municipal á altura que non mira polos intereses dos veciños e veciñas, que non atende as prioridades da clase traballadora, que non é quen de arrancar investimentos dos gobernos amigos ou das administración que faga falta para cumprir coas obrigas e compromisos do goberno cos veciños e veciñas; en definitiva, temos un goberno inútil”.

Xosé Magariños aposta a “poñer A Estrada a producir e traballar, ese é o noso obxectivo; ao longo deste mandato puxemos enriba da mesa propostas para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños, apostando polo emprego (Cidade do Moble), polo patrimonio (Rapa das Bestas e Pontevea BIC), apostando pola recuperación do matadorio como xeito de revitalizar o rural, etc.”. “Algunhas propostas foron rexeitadas, outras aprobadas pero dormen nun caixón da alcaldía”, explicou Magariños, “no BNG estamos a elaborar un programa no que recuperaremos estas propostas, incorporando outras que consensuaremos cos distintos sectores sociais e económicos para facer unha revolución no rural, para darlle a volta un xiro de 180 graos o noso concello, xa que co PP camiñamos cara o abismo social e económico”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta