Os veciños da Estrada poderán solicitar as bonificacións do IBI ata o 31 de marzo, sempre que a parcela afectada estea dedicada a actividades agrícolas, gandeiras ou forestais, segundo informou hoxe o alcalde, José López Campos.
Esta bonificación fiscal local ten carácter rogado, polo que han de ser os propios veciños os que acudan ao Concello para pedila. A tramitación efectuarase na oficina do rural e cada solicitude terá que ser estudada e aprobada en Pleno para a súa concesión.
A medida bonificará cunha rebaixa do 95 por cento ás parcelas dedicadas unicamente a actividades agrícolas, gandeiras e forestais e do 50 por cento cando se coexistan outros usos, coma o residencial.
Para acceder a estas axudas é preciso certificar que se están desempeñando actividades agrarias na parcela, que o suxeito pasivo carece de débedas e que a persoa solicitante está ao corrente de pago coa facenda pública.
Actualmente existen na localidade arredor de 400 persoas que poderían solicitar este tipo de bonificacións.






































